Unha sardiñada heroica baixo a choiva pon o remate ás Revenidas

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O festival levará a Vilaxoán en canto poida a música que onte foi suspendida

15 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que apostou por un modelo ben afinado, lonxe dos atascos do pleno verán, Revenidas sintoniza máis e mellor co seu público. O malo é que a mediados de setembro a probabilidade de que o ceo caia enriba do festival en forma de choiva multiplícase. O orballo estivo tonteando o xoves, aínda que ao final quedou unha noitiña perfecta. O sábado, con Heredeiros sobre o escenario, houbo algo máis que parrumada, mais ao final tamén foi escampando. Tanto ir á fonte ten estas cousas, e este domingo, na tralla final aberta a todo o mundo, con media tonelada de sardiñas desas que deron orixe e sentido a esta cita multicultural, por fin caeu o que tiña que caer. A organización e os comensais que poboaron o parque de Dona Concha abonáronse á épica para prender as brasas e dar boa conta dun peixe que, dirán o que queiran de San Xoán, pero onte si mollaba o pan. A música, porén, tivo que ser suspendida.

Ben, en realidade, e sendo veraces, cómpre subliñar que si houbo quen non se arredaron e puxeron banda sonora a un melancólico xantar baixo as árbores. Os Terribles de Arousa do gaiteiro Carlos Rei deron unha lección de compromiso coa tradición, coa xente e coa troula. A súa é a formula do i elevado á quinta potencia: impermeables, inoxidables, incombustibles, impepinables, imprescindibles.

A xornada de domingo é a do encontro co pobo que fixo nacer esta festa en torno ás sardiñas que tanta vida deron en Vilaxoán. O día sen entradas, de música e espectáculo de balde para devolver a xente todo o que a xente dá. O cartel, máis aló da Sardiñada Turismo Rías Baixas, incluía un concerto punk infantil, a gala de circo solidaria e varios concertos. A organización comprométese a retomalo todo en canto haxa unha data aquelada.