Ravella subvenciona con 178.100 euros entidades sociais como Cáritas ou Cruz Vermella
AROUSA
Quince foron as organizacións beneficiadas polas axudas da concellería de Servizos Sociais
04 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A concellería de Servizos Sociais anunciou un total de 178.100 euros en subvencións que irán destinados a quince entidades de carácter social que operan no municipio vilagarcián.
Entre esas entidades, as máis beneficiadas son Cruz Vermella e Cáritas, con moita diferenza con respecto as seguintes, debido a que os servizos que prestan son notablemente máis custosos.
Cruz Vermella recibirá 91.800 euros, dos cales 84.000 serán destinados concretamente a costear o funcionamento do albergue. Cáritas, pola súa parte, recibirá 45.500 euros, dos cales 36.000 serán para costear o comedor social e 9.500, para a casa de acollida de San Cibrán. Estes tres servizos son considerados clave por parte da concellaría dirixida por Tania García.
A asociación Acción Contra el Hambre concédenselle 17.000 euros, os cales servirán para sacar adiante un ano máis o programa de inserción laboral Vives Emprega.
As fundacións Lar, Con Eles e Amencer-Aspace reciben cada unha delas axudas por 3.000 euros para financiar gastos de actividades dirixidas aos seus usuarios. Mesma cantidade é concedida ao colectivo Solidariedade Galega co Pobo Saharaui para a execución do programa Vacaciones en Paz. O resto de entidades reciben montantes inferiores a 2.000 euros cada unha.
Estas axudas, todas elas de concesión directa, teñen como obxectivo «axudar a soster a importante labor que fan para a sociedade estas entidades, especialmente entre os colectivos en situación de vulnerabilidade», explican dende a concellería.