
O Cortegada de Manu Santos levantou dez puntos nun final apoteósico
05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pois vai ser que si. Sen unha das chamadas a ser pezas diferenciais, Horford, sen pisar Vilagarcía por problemas de visado, con outra das súas interiores, María Angulo, baixa por lesión, e coas foráneas Damaris Rodríguez e Christabel Ezumah chegando apenas dez días antes do inicio da Liga. Inda con este panorama, o Mariscos Antón Cortegada foi quen este sábado de saldar o seu durísimo primeiro compromiso de Liga, ante o novamente candidato á fase de ascenso BF León. E de facelo contra vento e marea, cunha vitoria desas que empoderan a un cadro de xogadoras renovado a fondo pendentes inda de se coñecer como debe, levando á éxtase as gradas do Sara Gómez cunha canastra a 13 segundos do final de Ezumah que completaba unha remontada in extremis: 77-76.
Botou o Cortegada por detrás do marcador desde ben pronto no segundo cuarto logo de pechar o primeiro 23-19 a favor. Sufrindo a superioridade na pintura de Dembele, o duelo encamiñábase cara unha previsible vitoria leonesa cando Martín anotaba o 63-73 a 4,35 do final. Pero entón emerxeu a figura de Blanca Manivesa, probando a súa condición de líder deste equipo. Anotando o 65-73 que iniciaba un demoledor parcial de 12-3, anotando seis tiros libres, e fallando o seu último lanzamento desde a liña de 4,60 con tan boa fortuna de atopar en Ezumah a máis lista da clase, capturando o rebote para anotar do 77-76 baixo aro a 13 segundos da conclusión. O León mandou directamente fóra o saque de banda da súa derradeira posesión.
FICHA DO PARTIDO:
MARISCOS ANTÓN CORTEGADA (77): Blanca Manivesa (14), Marta Sanmartín (5), Cris Loureiro (16), Gara Jorge (9) e Christabel Ezumah (13) —quinteto titular—; Carabán (1), Yubero, Damaris Rodríguez (17) e Cabello (2).
MIPELLETYMAS BF LEÓN (76): María Álvarez (11), Sabela García (10), Katina Benítez (4), Díaz (4) e Dembele (11) —quinteto titular—; Naroa Martínez (4), Lucía García (7), Martín (11), Lucía Rodríguez (12) e Vaquera (2).
PARCIAIS (E MARCADOR) CADA CUARTO: 23-19, 13-24 (36-43 ao descanso); 19-20 (55-63) e 22-13 (77-76, resultado final).
ÁRBITROS E PERSOAIS: Iván Escariz e Sergio Álvarez. Sinaláronlle 18 faltas ao Mariscos Antón Cortegada e 20 ao Mipelletymas BF León. Eliminaron con cinco a xogadora local Carabán.