
Mentres a ONU ve o desarme como unha vía que contribúe á seguridade internacional, os líderes políticos de todo o mundo avogan por aumentar o investimento en defensa
12 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Habería que facer un experimento: situar fronte a fronte un cento de persoas inimigas, patriotas e heroes a poder ser, cada unha cunha pistola ateigada de munición; e outras tantas, hostís, tamén cara a cara, pero sen armas. En cal grupo se matarían mais?. Non teño moitas dúbidas e mentres non se leve a cabo tal absurdo ensaio o meu parecer é que as armas son a antítese do raciocinio e do diálogo; por unha banda valen para amosar a escasa calidade humana de quen non é capaz de manter a súa posición con razóns e argumentos e empuña un arma para acabar co contrario e, pola outra, é o recurso de quen se ve oprimido por un trato irracional. Vénme á cabeza aquelo atribuído a Unamuno de «Venceredes pero non convenceredes» no senso de que ganaredes por terdes máis armas, e oprimirédesnos porque non dispoñedes da forza da razón.
Desde o poder do emporio de fabricantes de armamento, infiltrado nos partidos políticos, en particular dos deste noso réxime bipartito e en sectores de opinión, dise que as armas teñen un efecto disuasorio. É un argumento tan simple que vale para manter unha progresión xeométrica na fabricación e venda de armas. O noso Salnés é unha zona activa na defensa de múltiples causas pero, curiosa, estrañamente, quizá porque os activistas xa non dan abasto, non se manifesta unha oposición á actual carreira, a pesar de que o gasto en aparellos para matar xente —iso son as armas— rouba recursos colectivos, sobre todo os destinados a gastos sociais. E PP e PSOE van, en realidade, da man. Con Mariano Rajoy o gasto en defensa ía arredor do 2% do PIB, douscentos euros por persoa, e desde o 2021 incrementouse en torno ao 3%, catrocentos euros por persoa, aproximadamente vinte e dous mil millóns de euros; o posto 36º do mundo. Agora, desde a chegada de Donald Trump e coa presión internacional que empuxa nese camiño sen saída —ou con saída en guerras para renovar armas— parece ser que temos a obriga de chegar case ao dobre de gasto por estarmos na OTAN. O mundo actual é irracional. Pero non todos concordan niso e a esta dura realidade hai que engadirlle sendo inxenuo —iluso quedaría mellor, por ser máis achegado a tonto— esperanza.
Semana Mundial do Desarme
A ONU, coa que está a caer, mantén para finais deste mesmo mes a Semana Mundial do Desarme, conmemorando o aniversario da súa fundación; argumenta, con moita razón que se trata de construír un mundo máis seguro e de protexer á Humanidade. Di, con candor, que as tensións e os perigos resólvense mellor con diálogo político e negociacións en vez de con máis armas. E, con absoluta inocencia, engade que a acumulación e o comercio ilícito de armas arriscan a paz, a seguridade internacional e o desenvolvemento sostible e, por mais, que o uso de armas convencionais pesadas en zonas poboadas poñen en grave perigo aos civís. Vaites, vaites, cegos non están e seguramente ven os informativos de cada día. Non sei se Pedro Sánchez, Alberto Núñez, Ursula von der Leyen, Donald Trump ou mesmo Mark Rutte, —que avogan por máis investimento en defensa— e toda unha manchea de expertos etc. etc., escoitarán o que di a ONU, e póñoo literalmente: «As medidas de desarme proseguen por moitas razóns, entre elas o mantemento da paz e a seguridade internacionais, a defensa dos principios de humanidade, a protección dos civís, a promoción do desenvolvemento sostible, o fomento da confianza entre os Estados e a prevención e a fin dos conflitos armados. As medidas de desarme e control de armamentos contribúen a asegurar a seguridade internacional e humana no século XXI e polo tanto deben formar parte integrante dun sistema de seguridade colectiva crible e eficaz. As Nacións Unidas seguen celebrando os esforzos e a participación dunha serie de axentes que contribúen a un futuro común máis seguro e pacífico a través de actividades de desarme, control de armamentos e non proliferación». Un queda atónito con isto. Alguén nos engana. Uns dinnos que hai que gastar ata o que non podemos, en armamento disque tamén para disuadir, arrincando recursos aos desfavorecidos e por outro lado escoitamos que para facer o mundo máis igualitario e vivible hai que persistir no desarme. A verdade, non sei se Pedro Sánchez, Alberto Núñez, Ursula Von der Leyen, Donald Trump ou mesmo Mark Rutte, etc. etc. oen o que di a ONU. A quen lle facemos caso: aos que inculcan que gastemos máis en armas ou aos que nos din que hai que desarmarse?