Un tiro endiañado de once metros permítelle ao poderoso Romade empatar a 32 a dous segundos do final
14 oct 2025 . Actualizado a las 10:13 h.«Después de cómo fue el partido nos sabe bien, pero tras el final, nos sabe mal». A aparente incongruencia do adestrador do Asmubal Meaño, Juan Manuel Costas, á hora de valorar o empate a 32 na súa cancha de Coirón fronte ao Romade canario ten a súa explicación. E é que tras practicamente unha hora de xogo navegando contra a corrente, o conxunto do Salnés superaba por primeira vez no marcador a un dos favoritos ao título do Grupo A da División Honor Plata Femenina cun tanto de Sofía Arangio, para ver como Haridian Rodríguez, a experimentada pivote exinternacional de 36 anos con pasado no Rocasa ou no Porriño, igualaba a 2 segundos da conclusión cun lanzamento de falta a uns once metros da portería que se colou, bombeado, por unha das escadras do equipo local.
Cando menos, o cadro de xogadoras do Asmubal puido contabilizar o seu primeiro punto da tempada logo de dúas derrotas e, sobre todo, comprobar a satisfacción de ser quen de demostrar a capacidade para levantar os cinco goles de diferenza dos que gozaba o Romade no minuto 10 da segunda metade. As de Juan Manuel Costas conseguiron entón minimizar a desfeita que o lanzamento exterior canario lle viña causando, mellorando a súa defensa e contaxiándose da alegría e do ímpeto das xogadoras xuvenís que está a integrar o técnico no primeiro equipo.
FICHA DO PARTIDO:
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (32):
Nicole Damascena, Sofía Arangio (5), Sabela Miniño (3), María Currás, Uxía Varela, Agustina Ballada (5), Claudia Vera (2), Alba Domínguez, Laura Miniño (13), Irene Romero, Luna Otero, Raquel Muñiz (4), Vanesa Domínguez, Irene Ríos e Shaila Fdez.
ROMADE (32): Yarisa González, Astigarraga (2), Betancor (1), Laura Santana (4), Haridian Rodríguez (8), Cristina Sánchez, Falcón, Valeria Díaz, Siñol (7), Machín (9), Lozano, Natalia Padrón (1) e Lorenzo.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 1-4, 2-6, 5-8, 9-11, 12-14, 14-16 (resultado ao descanso); 16-21, 19-24, 22-25, 26-28, 30-31 e 32-32 (resultado final).
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Sabela Miniño (min 28.11) e Irene Romero (min 28.33); e as visitantes Haridian Rodríguez (min 4.54 e 46.30), Betancor (min 19.05 e descalificante no 23.27), Astigarraga (min 25.37), Machín (min 42.29) e Lorenzo (52.25).