Os Ingleses continúa a súa xeira triunfal a costa do Pontevedra RC e afiánzanse no liderado
AROUSA

O conxunto vilagarcián encadea tres vitorias nas tres primeiras xornadas da Liga de Primeira División Galega de rugbi masculino
14 oct 2025 . Actualizado a las 10:13 h.Tres de tres. Os Ingleses RC superou o pasado sábado 39-12 o Pontevedra RC sobre o céspede do campo do estadio de atletismo de Vilagarcía de Arousa, ampliando deste xeito a xeira triunfal que mantén desde o inicio da tempada 2025/26 da Primeira División Galega de rugbi masculino.
Cun ritmo intenso, o conxunto que dirixe David Lema demostrou unha gran solidez ante o veciño rival, e sabendo aproveitar a súa fortaleza na melé e na touch, dominou o xogo desde os primeiros compases do encontro. Con tres ensaios e dúas transformacións, o cadro vilagarcián chegou ao descanso cun claro 19-0 por diante no marcador, que elevou ata o 29-0 antes de que o Pontevedra RC conseguise os seus primeiros puntos cun ensaio xa no minuto 56 de xogo.
Máis aló da vitoria e do resultado final, a mellor noticia para Os Ingleses RC foi o alto grao de cohesión amosado por todo o seu cadro de rugbieres e, por extensión, o prometedor grao de integración dos seus membros máis novos, que comezan a deixar a súa pegada no funcionamento e no rendemento do colectivo vilagarcián.
Desde o equipo que adestra David Lema evitan a euforia, subliñando que a tempada acaba de empezar e que Os Ingleses a encara «con humildad, ambición y respecto por cada rival». O C.D. Zalaeta ATC Arteixo - Santiago R.C. será o toque na xornada catro, de novo en Fontecarmoa, só que dentro de dúas semanas, ao parar nesta a Liga autonómica.