O Sigaltec busca o seu segundo triunfo na cancha do Universidad de Oviedo
AROUSA
Ás oito e media da mañá de hoxe tiña prevista a súa saída a expedición coa que o Sigaltec CLB se presentará esta tarde na cancha do Universidad de Oviedo para disputar o seu duelo da terceira xornada da Liga de Tercera FEB. Fronte a fronte, dous equipos situados na zona media da clasificación provisional, co mesmo balance dun triunfo e unha derrota.
O adestrador do Sigaltec CLB, Luis Gabín, definía na véspera do choque o seu rival como «un equipo moi rápido, de xogadores moi novos, que traballa cunha filosofía parecida á nosa, pero tentando captar todo o talento de Asturias que non está para xogar inda en categorías superiores». De feito, tres dos seus xogadores traballan co Oviedo da Primera FEB, a antiga LEB Oro, co á-pívot Jorge Arias destacando entre eles e sendo posible velo hoxe co cadro de Tercera FEB.
Luis Gabín dispón de todos os seus efectivos agás Jorge, que se mancaba nun nocello no partido inaugural co Perfumerías Avenida en Salamanca. Si volverá estar co Sigaltec CLB Álvaro Rodríguez, o seu cinco titular nas últimas tempadas e inédito ata a semana pasada tras o ascenso por unha lesión nun tendón de Aquiles.