O paso do Fuencarral TM polo Salnés na última fin de semana saldouse con cadansúa derrotas dos dous equipos da comarca na División de Honor do tenis de mesa.
O sábado pola tarde, o Concello de Cambados pelexou ata o final os dous puntos en xogo. Sergiy Nigeruk, cun 3-1 a Samuel Benítez, e Matías Albornoz, endosándolle un 3-0 a Darío Salcedo, puxeron por diante o cadro galego. O Fuencarral recuperou o terreo perdido con vitorias de Carlos Vedriel sobre Santiago Otero, 0-3, e de Salcedo no seu duelo con Nigeruk, que á vista do seu apertado 2-3, probaríase clave no resultado final. Otero sumou o 3-2 no cómputo global a costa de Benítez e Vedriel superou a Albornoz para levar o partido ao desempate no dobres. E aí a parella formada por Salcedo e Vedriel gañoulle 1-3 á formada por Albornoz e Nigeruk. O resultado final, 3-4, pero cun axustado 12-14 en xogos.
Sen o máis mínimo síntoma de desgaste físico, o Fuencarral TM despachou o domingo pola mañá con suma contundencia o seu anfitrión Vilagarcía TM: 1-5. O conxunto madrileño puxo a directa, encadeando os seus cinco puntos. Fernando Padín sumou o punto da honra local ante Benítez no quinto xogo do seu emparellamento.