Guía para non perderse nada da fin de semana grande do Curtas: do coche de Harry Potter ás conferencias de grandes autores do cine e do cómic

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Charlas de Marcus Nispel, Diana Peñalver, Xermánico, Aneke ou Santipérez, feiras de artistas e de artesáns e proxeccións para públicos de todas as idades en tres días

31 oct 2025 . Actualizado a las 20:24 h.

O Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa inicia hoxe a súa traca final. Completada onte a súa primeira semana, o certame pisa o acelerador, cargado de proxeccións cinematográficas con opcións para todas as idades máis aló do xénero do terror máis profundo, pero tamén dunha chea de propostas para non abandonar as máis de doce horas de programa diario ata o domingo. Esta é unha guía condensada para quen queira espremer o fin de festa preparado con esmero polo equipo de entusiastas que dirixe Luis Miguel Rosales, coa exhibición do coche da película Harry Potter e a Cámara secreta e o seu fotocol para que os fans se inmortalicen diante del abrindo o pano. Hoxe en Fexdega, de 11 a 13.30 e de 16 a 20.30 horas. E mañá sábado, se o tempo o permite, na praza de Galicia, no mesmo horario. 

Encontros co público

Referentes do cinema de terror e do mundo do cómic e da ilustración diante dos afeccionados na Rivas Briones 

Revisitando o medo, co director e guionista alemán-estadounidense Marcus Nispel, realizador dos remakes de A matanza de Texas (2003), de Venres 13 (2009) e de Conan o bárbaro (2011), reinicia hoxe ás 19 horas o ciclo de charlas con grandes autores do Curtas. Unha hora máis tarde, a actriz española Diana Peñalver sentaráse ante o cartel de Unha mata Zombis. Chica de hoy en día, de onte e do mañá. Xermánico e Aneke, dou dos debuxantes españois con obra nas grandes editoriais de superheroes estadounidenses, Marvel e DC, disertarán desde as 17 horas de mañá sobre Ilustrando outros mundos. Ás 18 horas darálles o relevo Arturo Balseiro, mestre na elaboración de maquillaxe e de elementos protésicos para os efectos especiais de saga e de películas coma Harry Potter, As crónicas de Narnia ou O labirinto do Fauno, que falará do que mellor sabe facer. E ás 19 horas, o ilustrador Santipérez tratará sobre a súa obra, diante da escolma que leva ocupando unha das paredes da segunda planta da Sala Rivas Briones desde o 3 de outubro. 

Proxeccións

Desde o terror ao K-Pop e a animación para toda a familia 

Hoxe, de 16 a 17.30 e de 19.30 a 21 horas, pódese gozar, de balde como o 99 por cento do programa do festival vilagarcián, doutros dous bloques de curtametraxes a concurso, ademais das películas The Channeling (17.50 horas) e Hellcat (21.15). Mañá ás 11 proxectaránse as cinco curtas enviadas polo festival macabro mexicano Macrobóstica, que dará paso á película de animación para todos os públicos Hotel Transilvania (12.30). House on Eden (16 horas), o derradeiro bloque de curtas galegas a concurso (17.30) e Borealis (19.45) pecharán as proxeccións do sábado. A derradeira xornada ofrecerá a selección de curtas enviada polo festival brasileiro Cinefantasy (11 horas), coas películas Syphon (16 horas), Hotel de la Paix (17.40), a coreana My doughter is a zombie, insertada na cultura K-Pop (19.15) e Gravediggers (21.15) de remate.   

Samaín Arrepiante

Cabazas e monstros, truco ou trato, concursos e cea 

En liña co seu principio de asociación co Samaín ou Halloween, o Curtas organiza hoxe un obradoiro de cabazas ás 17 horas, mesma hora á que Daniel Martínez ensinará a pintar monstros en escultura, maquillaxe ou protésicos. A partir das 18 todo rapaz ou persoa disfrazado que se pase polo Salón García recibirá os caramelos do truco ou trato mentres a autora local Nuria Díaz presenta o seu último libro, ¿De qué tienes miedo? Sempre sen saír da Sala Rivas Briones, da man de Arousa Moza, ás 19 horas haberá un concurso infantil e ás 20 un para adultos. E ás 21.30 horas, cuarta edición da cea arrepiante do Curtas, con 60 comensais gozando desta volta da proxección de Re-Animator con actores caracterizados da película pululando durante a degustación do menú elaborado polo chef Miguel Mosteiro na Praza da Peixaría. No mesmo lugar, desde as 23 horas, Señora DJ porálle música ao Samaín Arrepiante. 

Feiras e xogos

Artist Alley e feira de obxectos curiosos 

A feira de artistas emerxentes regresa por segunda fin de semana. Quince creadores poñen á venda as súas propostas, desde camisetas e esculturas, ilustracións, tazas, figuras ou complementos e bisutería, hoxe e mañá no último andar do Salón García, en parte das dependencias da antiga biblioteca. O seu horario, de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas, no que tamén se poderán gozar dos xogos de mesa e dos videoxogos que o Curtas pon a disposición dos seus visitantes. Aos seus pés, na rúa Alcalde Rey Daviña, mañá e o domingo haberá unha nova edición da Feira de Artesanía e obxectos curiosos, de 11 a 14 e de 17 a 21 horas.

Dous terzos do aforo do Auditorio xa reservados para o concerto de clausura 

A noite dos mortos ao vivo, espectáculo que mesturará a música ad hoc da Orquesta Clásica de Vigo, a proxección de secuencias do clásico de George A. Romero A noite dos mortes vivintes (1968) e a catro actores interpretando diálogos en galego cun guión creado especificamente para o evento, engalanará a entrega de premios do Curtas 2025 na noite do sábado. Onte xa estaban reservados dous terzos do aforo. A entrada é de balde.

Cheo total para gozar dos pases dos dous clásicos do cinema mudo con ambientación musical en vivo 

Sucedeu seis días atrás, coa proxección de As mans de Orlac, xoia do cinema clásico mudo do xénero de terror do ano 1924, que engalanou a apertura da edición e a entrega dos dous primeiros premios honoríficos do certame, a Paco Plaza e a Tomás Hijo. Con música ao piano do mestre Jorge Gil Zulueta, a proposta singular da organización do Curtas encheu as 160 butacas do Salón García. 

Desde que hai xa anos o equipo que dirixe Luis Miguel Rosales decidise contar para a inauguración do certame con Caspervek, o grupo de cámara vigués especializado neste tipo de eventos culturais, musicando en vivo un clásico do cinema mudo do xénero, a proposta é referendada polo favor do público unha e outra vez. Cuestión de protocolo impediu este ano abrir o festival con Caspervek, así que o Curtas optou por ofrecer nesta edición dous filmes deste corte. E onte, con Caspervek e O Golem, volveu triunfar. 

 

MONICA IRAGO

Monstrorama suma 2.500 visitas só nos dous primeiros días 

Gardada con sumo celo como unha das grandes e máis ambiciosas novidades da décima edición do actual formato do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía, Monstrorama, a exposición con dúas ducias de personaxes a tamaño fantástico-real entre os máis coñecidos do xénero do cinema de terror, está a resultar todo un éxito. Desde a organización do certame contabilizaron tan só nos dous primeiros días de apertura, desde a noite do primeiro venres do festival, arredor de 2.500 visitantes á mostra. De produción propia, con figuras feitas polo propio Curtas máis algunhas prestadas e outras alugadas, o elenco, formado, entre outros, por Nosferatu, Jason, Leatherface, A Monxa, Chucky ou Annabelle, está amosando na súa efémera estadía no Salón García, limitada aos dez días de duración do festival cinematográfico, un tirón proporcionalmente inda maior co das exposicións dos personaxes Marvel e da arte de Santipérez e de Tomás Hijo, que suman máis de 10.000 visitas tras abrir o día 3.