O recurso habitual para atendelos é o sacrificio dalgún familiar, nunha eiva do Estado do Benestar
02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ultimamente, cunha certa frecuencia, atendo consultas xurídicas de persoas, ás veces con discapacidades, que encaran a xubilación sen disporen de medios para facer fronte aos coidados que necesitan. A Administración abandónaas unha vez que non son produtivas. Unha eiva do Estado de Benestar. As prazas en residencias privadas para maiores custan por riba de dous mil euros e son inasumibles para a maioría dos cidadáns; públicas poucas hai.
Por outra banda, estes maiores que precisan coidados non aturan fuxir da súa contorna habitual, da propia casa, da paisaxe persoal, das rutinas, da veciñanza, das amizades, da familia. Ademais, é unha etapa vital na que se incrementan os gastos médicos, farmacéuticos e asistenciais e, tantas veces, hai que acometer adaptacións na vivenda, custosas, que a pensión non dá para cubrir. A realidade é que a pensión media en España anda arredor dos cincocentos euros, insuficientes para gastos de coidados, incrementados pola subida do Salario Mínimo Interprofesional. Neste momento, por riba do 20% da poboación española ten máis de 65 anos.
O recurso habitual para atendelos, de balde para o Estado, en particular nas zonas rurais, é o sacrificio dalgún familiar que dedicará unha longa etapa a coidar desas persoas queridas. Sempre son mulleres as que de xeito abnegado renuncian á vida propia para atenderen os seus maiores, cunha xenerosidade inmensa. O Estado non permite unha cotización axeitada por suplir as súas propias carencias e coloca a esas mulleres nunha situación de incerteza: que pensión van ter, quen vai coidar delas?
Nesta comarca, como en España en xeral, non hai prazas públicas suficientes para maiores con discapacidades, nin se apoia de ningún xeito as coidadoras. O problema é candente e o mes pasado o Colexio de Rexistradores de España levou a cabo unhas xornadas co título A vivenda habitual como fonte de financiamento dos coidados das persoas maiores nas que fixo un repaso de posibles saídas a través das vivendas.
A verdade é que cando se me fan este tipo de consultas, as respostas son vistas con contrariedade porque a vivenda habitual sempre parece ter o seu destino natural, sen cargas, nos herdeiros que, nalgúns casos, néganse a afrontar eses necesarios coidados. Por riba do 80%, o 100% nas zonas rurais, das persoas maiores posúen vivenda en propiedade que pode ser fonte de financiamento para asegurar unha pensión axeitada ou un complemento dela. Basicamente de dous xeitos: conservando a propiedade ou mantendo só o uso e goce. Un exemplo está na chamada hipoteca inversa. Nun préstamo hipotecario normal a débeda págase mes a mes ata cubrir a cifra recibida; nun hipotecario inverso a débeda vai aumentando conforme o titular da vivenda reciba unha mensualidade, como se fose de pensión; ao seu falecemento o herdeiro terá que pagar o que se deba para facer súa a vivenda ou permitir que a entidade bancaria execute a hipoteca. Como sempre, hai que estar moi atento a prazos, letra pequena e demais porque, ás veces, é un risco para persoas vulnerables; convén informarse polo miúdo por un profesional independente. Outra modalidade cando hai discapacidade e existe unha segunda vivenda —que pode ser un piso do mesmo domicilio— está no chamado préstamo anticrético, complexo. Trátase de recibir un préstamo pagadoiro coas rendas desa segunda vivenda; a entidade prestamista asume determinados gastos, seguros, custes de conservación e a xestión do alugueiro. Non é común por aquí e, en todo caso, tamén precisa dun asesoramento fiable. Outra variedade é a chamada venda inversa que mestura compravenda e arrendamento: o propietario vende e goza da vivenda mediante o pago dun arrendamento co prezo do inmoble. Outra figura é a venda da propiedade núa con reserva do usufruto. O maior recibe un prezo diminuído no importe do seu uso do inmoble. Pódese optar tamén pola venda a cambio dunha renda vitalicia, algo así como un contrato de alimentos con residencia. Ou a máis simple doazón, ou algún outro tipo de transmisión, con carga de coidados, e, incluso, con revogación por ingratitude. Son camiños para poder vivir nun Estado que se di social, pero parece ingrato con quen o formou. Temos moito que avanzar, se nos deixan.