Arousa, Céltiga e Cambados copan a metade do Top 10 da clasificación do pichichi da Liga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

04 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O fútbol do Salnés está a protagonizar nestes momentos a Liga de Terceira División. Concretamente, o apartado goleador. Tres futbolistas do Arousa, un do Céltiga e outro do Juventud Cambados despedían a pasada fin de semana copando a metade do Top 10 da clasificación de pichichi do grupo galego da Tercera RFEF. Unha listaxe que encabeza, precisamente, un dos xogadores dos conxuntos da comarca, o arlequinado Gabri Palmás, que con 6 tantos en 9 partidos, dispón do mesmo ratio de 0,66 dianas por encontro do extremo do CD Lugo B Aday; este último, cun anotado desde o punto de penalti.

Adri Rodríguez aparece xusto por detrás de Gabri Palmás e de Aday. Tras os seus dous tantos ao Silva este domingo (2-0), o dianteiro do Céltiga suma xa 5. Os mesmos que Dani Pedrosa, do Estradense, Iñaki Martínez, do Arousa (1 de penalti), Pablo Trigo, do Racing Vilalbés (2 de p.) e que Mario Constenla, do Noia (3 de p.). O Top 10 complétano os tres futbolistas con catro dianas no seu haber a estas alturas do curso, dous deles con camisetas de equipos salinienses: Antón Concheiro, do Arousa (1 de penalti) e Diego Iglesias, o home-gol do Juventud Cambados, empatados en produción ofensiva co dianteiro senegalés do Atlético Coruña Montañeros Pape Gaye, como o mediocentro arlequinado, contabilizando un dos seus tantos de penalti.

Gabri Palmés, Iñaki Martínez e Antón Concheiro suman o 60 por cento dos 21 goles que fan do Arousa o equipo con maior potencia de fogo do grupo galego da Tercera RFEF. Máis mesmo co líder e xa único invicto da competición, un Compostela que, con todo, xa probou non ser imparable. Este último domingo, sumando o seu terceiro empate da tempada 1-1 no Estadio Vero Boquete ante o penúltimo na táboa, o Barbadás. O tropezo do Compos e o seu triunfo en Viveiro, 1-2, sitúan o Arousa a tiro de 3 puntos do primeiro posto.