Estamos a ver, tanto a israelís como a membros de Hamas, utilizaren a xente do común como escudos humanos para disuadir ao inimigo de ataques
16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cando se vían películas de vaqueiros, tamén en moitos thrillers, ás veces contemplábase desde cómodas butacas unha escena que causaba un algo de tensión, incrementada cos planos curtos dos rostros angustiados dos protagonistas. Pasaba que o malo-malísimo para evitar que o capturasen pola súa perversidade, con expresión de ruindade ou cunha risa sardónica —imaxino o estudo dos actores para alcanzar ese rictus odioso— poñíase cunha arma apuntándolle á cabeza por detrás da moza ou do fillo, aterrorizados, do protagonista. O espectador rexeitaba a actitude do malo e esperaba que, dalgún xeito, a heroína ou o bo-boísimo lle chantase un tiro na fronte ao ruín para que non lle dera tempo a facerlle mal ao escudo humano. Ese espectador odiaba profundamente a táctica covarde do malo e parecíalle xustificado que o fixesen desaparecer por utilizar como escudo aquela belísima dona ou amado fillo.
Pois éche así: usar escudos humanos é un recurso criminal que vén de vello e que ata pode relacionarse cos sacrificios de persoas para agradar a calquera divindade e con moitas outras condutas que teñen en común o desprezo pola vida humana. Nestes tempos unha delas, sentados comodamente nos sofás, vémola cando contemplamos guerras sinistras en directo, matanzas, desprazamentos e toda clase de violacións dos dereitos humanos e topámonos coa vella práctica de deshumanizar as persoas —as anónimas, as pobres que non poden fuxir das áreas de conflito— utilizándoas como escudos. Equipáranse, esas persoas con calquera material defensivo. Deshumanízanse. É un desprezo absoluto da vida humana. E iso que na actualidade o Dereito Internacional establece que é delito utilizar a presenza dun civil ou doutro tipo de persoas protexidas para poñer obxectivos militares a cuberto. Estamos a ver, tanto a israelís como a membros de Hamas, utilizaren a xente do común como escudos humanos para disuadir ao inimigo de ataques. Non o conseguen e eses escudos humanos son masacrados.
O New York Times do 14 de outubro de 2024 describía como o exército israelí obrigaba a habitantes de Gaza capturados a realizaren tarefas con perigo para a súa vida, por exemplo facéndoos entrar diante nos famosos túneles de Hamas. E o brazo armado desta organización, a brigada Izzal-Din al-Qassam e outros catro grupos armados, segundo conta a organización Human Rights Watch, que cualifica esas accións como crimes de lesa humanidade, fixo o mesmo no atentado do 7 de outubro de 2023 cando atacaron de xeito coordinado residencias civís ou eventos sociais de xudeus, ata unha festa na praia, con granadas, balas e demais, para mataren 1.195 persoas e tomaren reféns, que agacharon coa pretensión de que fosen escudos humanos. A actuación posterior do exército israelí vímola, desde estes nosos sofás, impresionados; non demos crédito a tal violencia e compramos bandeiras palestinas para manifestármonos contra a ruindade dese exército poderoso que bombardeaba vivendas ou destruía hospitais e escolas. Esas Forzas Armadas dixeron que facían tales crimes salvaxes porque neses lugares agachábanse militares das citadas brigadas que utilizaban xente como escudos humanos. E así foi que morreron neses ataques miles de gazatíes.
A destempo, como sempre coa aplicación da xustiza, haberá xuízos e neles sairá que o chamado Dereito de Guerra —que oxímoro!— non prohibe radicalmente matar civís e ata expón que se poden asasinar se non son o obxectivo; e para saber cantos escudos humanos se permite eliminar manexa un indicador, algoritmo, o chamado Valor Límite de Baixas Civís, NCCV en inglés. Desde 2023 o exército israelí di, oficialmente, que se poderán eliminar, matar, quince escudos humanos por un membro de Hamas e cen escudos humanos por un dirixente desa organización. Todo isto nin é unha broma, nin parte dunha película, nin, aínda que o vexamos pola televisión, os miles de escudos humanos (sic) mortos son actores. E, ademais, que clase de xente pode permitirse manexar índices e algoritmos para poder matar impunemente?.