A Deputación informa as empresas do Salnés das vantaxes de montar comunidades enerxéticas
AROUSA
Técnicos de +Renovables detallaron a negocios da comarca os beneficios desta alternativa
16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Reducir emisións de gases contaminantes á atmosfera, aforrar na factura eléctrica, aumentar a competitividade ou estabilizar os prezos que se pagan pola enerxía ao non depender da rede eléctrica. Estes son algúns dos sobresaíntes beneficios que lles proporcionan as comunidades enerxéticas aos seus asociados. Beneficios que se axustan como anel ao dedo aos pequenos e medianos negocios e empresas que conforman o tecido económico dunha comarca como a do Salnés. Así as cousas, persoal da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables da Deputación de Pontevedra mantivo o pasado mércores en Cambados un encontro con representantes do ecosistema empresarial saliniense nas oficinas da Mancomunidade do Salnés.
Os asistentes coñeceron polo miudo as múltiples vantaxes de asociarse a unha comunidade enerxética. Aclaróuselles que aquelas compañías que non dispoñan dunha infraestrutura axeitada para a instalación fotovoltaica, base do sistema de aforro en cuestión, poden beneficiarse das instalacións en cubertas de empresas que si conten con elas e estas, á súa vez, obter deste xeito unha compensación económica.
Os técnicos explicaron as distintas modalidades para artellar as comunidades enerxéticas, desde unha asociación a unha cooperativa, pasando por una sociedade limitada, e as da participación nunha comunidade de autoconsumo fotovoltaico. As axudas e vías de financiamento das que se poden tirar, tanto públicas coma privadas, foron outro tema tratado polo persoal de +Renovables da Deputación, que acompaña os interesados cun completo asesoramento nas fases de constitución, de desenvolvemento e de explotación das comunidades enerxéticas.