Sofía Muñiz, premio O Facho de poesía e mestra: «Aos estudantes cústalles entender a poesía. Falta compresión lectora»
AROUSA
A cambadesa, que imparte nun instituto de Sanxenxo, publica o seu primeiro poemario, cheo de referencias musicais e terminoloxía médica
02 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai persoas que saben sacar proveito das etapas máis adversas e escuras do transcurso vital. Sofía Muñiz amosou ser unha delas. Cando hai uns anos veuse encamada, resultado dunha operación para a extracción dun nódulo na tiroides —que resultou ser benigno—, decidiu empregar a escritura como xeito de expresar os seus sentimentos. Nada novo para alguén que leva toda a súa vida atopando máis doado comunicar o máis fondo a través da pluma fronte as verbas. Pero o que si foi unha novidade nesta ocasión foi o resultado. Unha serie de escritos que servirían de base para A autorización do centro da palabra, o seu primeiro poemario, que publicou hai un par de semanas grazas a alzarse co premio O Facho 2025 de poesía, un dos máis prestixiosos do panorama cultural galego.
A dor da operación non foi o único detonante da plasmación artística, tamén a desilusión amorosa e a ausencia de evolución sentimental cunha persoa querida. Estes elementos desencadeantes deron paso logo a tantas outras preguntas que planeaban sobre a mente desta nova profesora cambadesa: a autoafirmación, as amizades, a familia, o papel das avoas ou a aquela manida pregunta, se ser ou non ser nai.
Catro son os vértices en torno aos que se organiza a obra, a vida e morte da palabra: xénese, enfermidade, metamorfose e claudicación do silencio. Na xénese, Muñiz reflexiona sobre os inicios, os nacementos e a reprodución, na incerteza e indecisión, con moitísima inspiración nas cantigas medievais galego-portuguesas. Na enfermidade, vértese a experiencia dos meses prostrada na cama, pero tamén a dos anos traballados como enfermeira cirúrxica, o seu último oficio antes de sacar a praza de mestra de lingua galega nun centro de secundaria de Sanxenxo. Boa proba do seu transfondo é o uso neste capítulo dun vocabulario profundamente técnico e especializado, que so alguén que participase activamente en numerosas cirurxías podería dominar coma ela.
A metamorfose é o resultado da introspección, do renacer, da rebeldía. Se cadra, o proceso de catarse polo que a propia autora debeu pasar nos meses que foron o xerme do poemario. Como punto final, a claudicación ante o silencio. Porque como o título augura, a verdadeira protagonista da viaxe é a palabra e como está presente sempre no inicio e comezo de todo, das relacións e das vidas.
Unha lección práctica
Dende o comezo da composición, Muñiz tiña claro que quería que os seus poemas servisen para algo máis que expresar os seus sentimentos: para educar. «Aos meus alumnos cústalles entender a poesía. Quero facerlles ver que pode ser tan sinxela como a narrativa e achegar a lingua á xuventude». Unha das ferramentas coas que conta para logralo é a música. Muñiz poboou os seus escritos con abundantes referencias e influencias musicais, moitas delas, de grupos que antes lle foron legados a ela polo seu propio pai, en horas e horas co estéreo posto para amenizar as viaxes en coche: Phil Collins, The Psychedelic Furs ou The Waterboys, entre outros. Tamén de poetas que lle gustan a ela mesma e que influíron no seu estilo anárquico, rebelde e directo, coma Xela Arias ou Luz Pozo García. «Para que entendan que os poetas son persoas de carne e óso», di. O mellor exemplo poderán telo na súa mestra, que grazas ao premio acaba de dar comezo a súa carreira, pero que aínda ten moito treito por diante.