O ano que vén cumpriranse noventa anos do Alzamento Nacional
07 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O ano que vén cumpriranse noventa anos do Alzamento Nacional. Moitos xa para que non quede clara na conciencia colectiva a negrura desa etapa que se prolongou ata despois de 1975. Máis que escuridade, vergonza da que aínda queda borra por moitos sitios. Non se entende moi ben nin como puido suceder, nin como se sostivo aquel réxime tanto tempo. Pode que non só sexa Franco o culpable. Axudou a soportar aquilo a Segunda Guerra, a existencia de dous bloques, a fame, o poder económico ou polo feito de que, en realidade, nunca houbo idea clara de España. Como se na conciencia profunda se soubese que non existise. Aínda que habería que diferenciar durante esa longuísima etapa o que se dicía no interior da península do que se falaba no exterior. Fóra de aquí o ser español non era motivo de gabanza, pero no interior non exhibirse profundamente español era pecado. Pecado. Ata nas pesetas, como non había outro xeito de explicalo, dicíasenos, século XX, que Franco era xefe do Estado «por la gracia de Dios». Figuraba en tantos sitios que parecía certo. Ese ambiente xunto coa presión administrativa, policial, xudicial, educativa, militar, financeira e, en fin, a de todos os resortes do poder á unha, facía que todo fose tan incomprensible que seguramente, unido á necesidade de sobrevivir, non se podía perder o tempo en reflexionar sobre patrias, nacións, nin unidades de destino no universal, que isto xa eran palabras maiores. Por exemplo, desde sempre chamoume a atención que nos frontispicios dos cuarteis da Garda Civil figurase a lenda «Todo por la Patria». Non vexo a que vén ese letreiro, non precisamente polo extracto social tantas veces de supervivencia dos axentes, senón porque en ningún caso eles teñen que defender á Patria, senón aos cidadáns. E non pon España, pon patria, que é como mais excluínte. Tampouco me resulta doado entender por que razón a Garda civil non é civil senón militar. Cando Franco faleceu eu era adolescente nun internado. Déronnos a noticia nunha sala de estudo, fría, con pupitres de madeira. Obviamente, nin se produciron xestos de tristura, nin de alegría. Non sabiamos que podería cambiar. Recordo que ao día seguinte tiña exame de Lingua española. Aínda que penso que se suspenderon as clases. Deseguido fun sabendo máis porque por todos lados acendéronse luces que ían explicando un algo. Pero mantiven, manteño, a curiosidade por aquel Franco omnipresente. Ía pescar con meu pai nunha gamela —tiñamos dúas co mesmo folio que varaban unha na costa Norte de San Vicente e outra na Sur— e non entendía como, a pesar de sermos tan bos pescadores á liña, —si, si—, nunca eramos quen de conseguir as fazañas de Franco no Azor, que ata niso parecía un superhome. Dunha volta seica pescou un peixe de 375 quilos. Que cousas!. E como cazador, nin Guillermo Tell. Eran famosas as súas cacerías—recordan La Escopeta Nacional?— e non me resisto a contar o que ocorreu con Manuel Fraga nunha delas, —relatouno Ramón Chao, será verdade—: o de Vilalba tiroulle a unha perdiz que voaba baixa e disque acertou nas nádegas de Carmencita. Cando Juan Carlos se fixo asiduo do Salnés e tiven ocasión de conversar, daquela maneira, con el, eu estaba obsesionado por preguntarlle por Franco e insistín, ata que, nun aparte, fun advertido de que os diálogos iniciábaos el … e que quería falar de barcos. Pero, mentres tanto, contou cousas, que non sei se sairán nas súas memorias. Unha das miñas primeiras preguntas foi sobre que lle transmitía o Generalísimo e narrou a anécdota da súa participación nos Xogos Olímpicos de 1972; patroneaba, no Báltico, un Dragón; el ao temón, Félix Gancedo trimaba e o Duque de Orión, de proeiro. Pensou que facía unha saída espectacular pero o Duque berráballe que ían fóra de liña; el porfiaba que non, pero no último momento virou ao matinar que tería que explicarlle a Franco tal fallo. Doutra volta, dixo, dou un discurso aperturista no estranxeiro e ao regreso citárono no Pardo. Alá foi tamén con temor. Franco espetoulle que había cousas que se podían falar fóra de España, pero non dentro das fronteiras. Despois, xa se sabe, reinstaurou per saltum a dinastía dos Borbóns. E aquí seguimos, de novo caladiños: súbditos dos herdeiros de Franco por non sei canto tempo máis. E cada día con máis culto á personalidade.