O instituto Cotarelo acada o primeiro premio Tolerancia cero contra o acoso
AROUSA
O galardón da Xunta distingue os centros que destacan polo seu labor no respecto aos dereitos humanos, individuais e sociais
09 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Unha das iniciativas que a Consellería de Educación incorpora na súa estratexia de convivencia escolar é o recoñecemento daqueles centros que dan visibilidade á loita contra este grave problema e serven de exemplo para o conxunto das institucións educativas. Este obxectivo acádase a través de dúas categorías de distincións: ConviVimos e Tolerancia cero. O instituto Armando Cotarelo Valledor, de Vilagarcía de Arousa, vén de gañar o primeiro premio neste segundo eido, que procura a participación do alumnado en programas que estimulen a súa implicación no respecto aos dereitos humanos individuais e sociais, a través de accións concretas contra o acoso e o ciberacoso escolar, e o acompañamento ás vítimas.
O galardón vén acompañado dunha determinada contía económica, que no caso do Cotarelo Valledor vai aos oito mil euros na súa condición de centro gañador do primeiro premio, no nivel do ensino secundario que abrangue tanto a ESO coma o bacharelato, a Formación Profesional, a formación de persoas adultas e as ensinanzas especiais.
Con estas distincións, o departamento autonómico amosa a aposta da Xunta «polo fomento do bo clima nas aulas como unha prioridade de goberno». Un obxectivo para o que activa «un amplo abano de iniciativas entre as que se atopan estes recoñecementos, que destacan o alto grao de compromiso dos centros de ensino neste eido».