Da contaminación acústica

AROUSA

O ruído de ocio nocturno sen control é contaminación contra a saúde
O ruído de ocio nocturno sen control é contaminación contra a saúde PACO RODRÍGUEZ

Avelino Ochoa alerta sobre o «marabunda de estrondos para o verán» que se achega

03 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

No Libro Verde sobre Política Futura Europea de loita contra o ruído dise que un dos maiores problemas medioambientais en Europa é, precisamente, a contaminación acústica, o barullo. Vén aí o verán e, con el, os turistas que avanzan a miles cara ao Salnés ávidos de ocio, sen que inflúan —como xa teño acreditado— nunha melloría do nivel de vida dos residentes. Toda esta comarca, —que camiña perigosamente a ser só prestadora de servizos turísticos—, habitantes e recursos póñense ao dispor deses visitantes cun espírito tan reverencial como submiso. Entre os efectos nocivos que provoca este trato escasamente profesional que se lles dá aos visitantes está a contaminación acústica, o ruído, o barullo noite e día, unha das agresións máis comúns ao medio ambiente e á saúde das persoas. Por poñer, a península do Grove está rodeada de chiringuitos de praia transformados en locais de música permanente, diúrna e nocturna —ás veces dáme por matinar en que clase de licencia poderán ter— que impiden que a vida cotiá se desenvolva con normalidade entre tanto estrondo. Axudan a este desprezo dos residentes a ausencia de normativa urbanística, a febleza das autoridades locais e as actitudes de determinados empresarios cobizosos e antisociais. A contaminación acústica, o ruído, viola un dos dereitos máis protexidos na teoría e máis vulnerados na realidade: o dereito ao medio ambiente, que é un dereito fundamental achegado aos dereitos á integridade física e moral, á intimidade, á propiedade, á inviolabilidade do domicilio ou á saúde. Este dereito ao medio ambiente, subxectivo, que lle corresponde a calquera cidadán, está protexido, sinalando como normas máis sobranceiras, o Tratado da Unión Europea (artigo 3), a Directiva 2002/49/CE do Parlamento Europeo e do Consello, —que define o ruído ambiental como o son exterior non desexado ou nocivo xerado por unha actividade humana— e na Constitución Española —artigo 45—. Trátase dun dos poucos bens xurídicos que a Constitución menciona expresamente como obxecto de protección penal e, por iso, o artigo 325 do Código Penal tipifica un dos chamados delitos de perigo posible e castiga con prisión, multa e inhabilitación ao que provoque ruídos ou vibracións ilegais; con agravantes cando a actividade sexa clandestina ou concorra desobediencia. A casuística que se ve nos tribunais refírese maiormente á contaminación acústica producida por locais de ocio e restauración que non fan caso dos requirimentos administrativos de cese de actividade ou de adopción de medidas, persistindo na conduta ruidosa. Tamén se teñen condenado alcaldes por prevaricación omisiva que recibiron as queixas dos veciños ou da Policía Local e non fixeron caso. A realidade é que os residentes esperamos a marabunta de estrondos para o verán, indefensos e abandonados por unhas autoridades que, tantas veces, aparecen, para máis inri, como consumidores dese diario alboroto. A calidade de vida, o medio ambiente, o futuro do turismo e a saúde están en perigo. Hai que ter ben pouca capacidade para non entendelo.