O regreso á Segunda RFEF sitúa o club arlequinado entre os 172 mellores equipos do Estado, incluídos a maioría dos filiais das dúas ligas profesionais
12 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O éxito do Arousa no seu cuarto intento de retornar á Segunda RFEF, a cuarta categoría do balompé nacional, é un fito do club arlequinado, pero tamén da vila que o domingo se entregou á causa nas ateigadas gradas da Lomba, con máis de tres mil gorxas empurrando os homes de Gonza na súa épica remontada fronte a un Céltiga que gañaba 0-2 no minuto 60 —o presidente da entidade, Manolo Abalo, fala duns catro mil—. Xogadores, adestrador e primeiro directivo do novo campión galego de Liga da Tercera RFEF estenderon nos primeiros minutos da celebración o mérito do seu logro a toda Vilagarcía. E a vila será, de feito, unha das grandes beneficiadas polo desenlace do campionato.
Co seu regreso á Segunda RFEF, o Arousa devolve a Vilagarcía ao mapa da aristocracia do fútbol español, na que a situara precisamente catro anos atrás participando na tempada de creación daquela. Co seu regreso a ela, a capital arousá pasa a figurar entre os enclaves dos 172 equipos repartidos entre a Primera División e a Segunda RFEF, incluídos boa parte dos filiais dos 42 conxuntos das dúas ligas masculinas que locen estatus profesional recoñecido na lexislación deportiva española.
Encadrado no Grupo 1 da súa nova futura Liga, o Arousa competirá con equipos de Galicia, de Asturias, de Castela-León e mais de Cantabria. A falta de ver quen de entre o Real Oviedo Vetusta, UD Ourense, Numancia de Soria e Coruxo gaña o dereito a acompañar o Deportivo Fabril á Primera RFEF e que tres continúan na cuarta división nacional, o equipo de Vilagarcía visitará e será visitado por equipos de catro capitais de provincia, a Gimnástica Segoviana, Real Ávila, Salamanca CF UDS e Rayo Cantabria; tamén polo Bergantiños, Atlético Astorga, Marino de Luanco e os tres equipos que o domingo se proclamaban campións de Asturias, Llanera, de Cantabria, Gimnástica de Torrelavega, e de Castela-León, Atlético Tordesillas. O Real Valladolid Promesas deberá defender a súa praza nun playout, co Arenteiro caendo da Primera RFEF e co Ourense CF podendo acabar acompañándoo.