A cita comezará o día 5 da man de Gloria Pavía & Rafa Morales nos xardíns da biblioteca
15 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Música jazz á luz da lúa: é a proposta do Concello de Cambados para o mes de agosto, coa celebración do «Cambasóns», que terá lugar os mércores ás 21.00 horas nos xardíns da biblioteca Luis Rei. «Nesta edición cambiamos de ubicación por cuestións técnicas, pero o espazo dos xardíns é moi fermoso para estar escoitando un concerto de noite e esperamos que a xente responda», apuntou o concelleiro de Ensino, Cultura e Patrimonio, Liso González.
Concertos
A primeira actuación será o 5 de agosto a cargo de Gloria Pavía & Rafa Morales; o seguinte será o 12 da man de Din 5, agrupación formada por David Llop, Juan Velasco, Eric Abril, Diego Nogueira e Brais Lorenzo. O 19 será a quenda de Carla Martínez Quartet, con Carla Martínez, Daniel Mouriño, Almeida Vidal e David Taboada. O peche será o día 26 da man de Mr. River, con Miguel del Río, Santiago Marsan e Manuel Bastón.
A entrada é de balde. A organización conta con colaboración de Café del Mar e coa adega Paco&Lola: «Tamén contamos coa pegada de Paco Charlín, gran experto no mundo do jazz galego e internacional», explicou González, que agradeceu a colaboración de todos os implicados.