Edu Charlín volve ao Céltiga como valor seguro en tempos de pandemia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

O técnico cambadés volve a un vestiario, o do Salvador Otero, que abandonara ao comezo da tempada 2017/18 de motu propio polo mal inicio de Liga do equipo

26 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algo máis dun mes, mediado o proceso de desescalada cara a nova normalidade na que comezamos a instalarnos, o ourensán Javi Rey comunicáballe ao Céltiga a súa decisión de cambiar o vestiario do Salvador Otero polo do Arzúa, equipo revelación na última edición da Liga de Terceira. Onte o club illense desvelaba o nome do seu substituto. E este non é outro co cambadés Edu Charlín.

«Edu Charlín outra vez», apunta o voceiro da directiva do Céltiga, Álex Zels, consciente da estrañeza que poida causar entre máis dun socio a elección de quen a comezos da tempada 2017/18, con só mes e medio de competición disputada, decidía presentar a súa dimisión como adestrador do primeiro equipo insular polos malos resultados colleitados.

Promocionado polos responsables do club desde o cadro xuvenil, que ascendera de Provincial a Liga Galega, manténdoo ese curso, Edu Charlín asumira o vestiario do Céltiga nos tres últimos partidos da tempada 2014/15 tras a destitución de Ramiro Sorbet. O cambadés devolveu o Céltiga á Terceira na súa primeira tempada completa no primeiro equipo. E na seguinte, 2016/17, conservou a categoría que ía perder polos arrastres grazas ao salto do Déportivo B á categoría de bronce.

«As razóns da fichaxe de Edu son ben fáciles: Coñece a nosa filosofía, coñece o club, ten experiencia e coñece a Preferente, e está aquí ao lado. E esas cousas agora mesmo hai que valoralas máis cá antes», argumenta Zels.