Os catro clubs organizadores e mais o Concello antepoñen a seguridade sanitaria en plena pandemia ao durísimo golpe económico que a medida suporá para as entidades deportivas
01 jul 2020 . Actualizado a las 08:15 h.Finalmente, A Illa de Arousa non contará este verán cun dos seus principais ganchos turísticos. O Club Baloncesto Dorna, o Club Piragüismo Illa, o Céltiga Fútbol Club e o Club Ximnasia Rítmica Arousa, como organizadores, xunto co Concello de A Illa de Arousa veñen de anunciar na mañá de hoxe a cancelación das festas gastronómicas que estaba previsto se sucederan durante as sete fins de semana que van do 24 de xullo ao 6 de setembro.
«A situación actual xerada pola pandemia do covid-19, a saúde pública xeral e en particular a seguridade de todos e todas os veciños e veciñas do noso pobo, prevalecen sobre todas as cousas, e os clubs e o Concello tomaron a decisión máis responsable de non realizar as devanditas festas», manifestan as dúas partes no comunicado de prensa conxunto co que fixeron pública a súa decisión.
No mesmo documento lémbrase que «estas celebracións son unha fonte de ingresos para os clubes e moi importantes para o deporte base que se realiza en cada un deles, polo que este ano será previsiblemente moi duro económicamente», de aí que «se quere facer un chamamento a todos os socios e afeccionados para apoiar agora máis que nunca a todos os clubes que forman a masa deportiva de a Illa de Arousa». Non en van, a recadación polas festas gastronómicas leva anos reportándolles ás entidades deportivas arredor da metade dos ingresos anuais que precisan para o desenvolvemento das súas actividades, en especial as de deporte base.
O comunicado conclúe sinalando que «diversas organizacións, como a Confraría de mariñeiros e a Comisión de Festas do Carmen, aplaudiron esta decisión e recoñecen o esforzo que fan as directivas de cada club».