A ludoteca da Illa de Arousa propónlles aos nenos un agosto moi vinculado ao mar e ao patrimonio

h. p. / p.p.v. VILAGRACÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Concello da Illa

Máis de 80 crianzas participarán nas actividades

06 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Ludoteca Diververán organizada polo Departamento de Formación do Concello da Illa de Arousa continúa un mes de Agosto cargado de actividades e sorpresas para a rapazada que participa nel. De cara a este mes o Concello espera a participación de máis de 80 nenas e nenos que desfrutarán de actividades relacionadas co patrimonio e cun obradoiro de nós mariñeiros organizado polo Departamento de Turismo.

Andrés Barros, xubilado da Arousa coñecido pola súa afección a elaborar cadros de nós mariñeiros, explicarálles aos raparigos do curso como facer os diferentes tipos de nós, ademais da súa denominación e uso, entre outros detalles. Os participantes trasladaránse ao Centro de Interpretación da Conserva para a elaboración dos mesmos. Barros tamén compartirá os seus coñecementos vencellados á cultura mariñeira na actividade.

O programa tamén recolle propostas relacionadas coa música e coa linguaxe de sinais, contando coa visita dunha persoa da Illa de Arousa que foi finalista do concurso televisivo de Got Talent. No seu paso pola ludoteca contará a súa experiencia, ensinarálles aos mozos e mozas a cantar nesta linguaxe e dará un pequeno concerto.

O grupo Lontreira tamén participará na programación, nun momento no que está acadando os seus maiores éxitos. Ademais, achegaránse algúns membros da Escola de Música Municipal, que aproximarán aos inscritos o concepto da música, os instrumentos ou a creación dunha orquestra ou banda.

Agosto continuará na ludoteca coa celebración da Festa da Auga e do Carnavrán. A acampada no entorno de Area da Secada porá o broche de ouro ao programa, sendo unha iniciativa dirixida cara os rapaces de maior idade que gozarán de xogos e dunha velada na que poderán aprender da convivencia.

Outra das novidades deste ano será o obradoiro de robótica e programación, deseño e impresión 3D, baixo o título Ludotech e organizado pola Mancomunidade do Salnés. Todo, acompañado das saídas á praia e rutas en bicicleta pola contorna para concienciar á rapazada no uso da protección, na sensibilización e no respecto como medio natural e paisaxístico.

Con anterioridade, os nenos xa gozaron de actividades acuáticas na Praia do Bao, nos hidropedais e nos kaiaks. Ademais, os participantes tamén desfrutaron dun paseo no tren turístico, nunha sorpresa que tiñan preparada os organizadores da ludoteca de verán da Illa de Arousa.