Arousa opta hoxe a seis medallas no Mundial Júnior e Sub 23 de Esprint

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

O padexeiro do Muíño Manuel Fontán parte favorito no C2 500 da súa categoría

19 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras as dúas primeiras xornadas do Campionato do Mundo Júnior e Sub 23 de Esprint, o groso da representación do piragüismo arousán, con oito integrantes na selección española, aspira hoxe a pisar o podio da pista de Plovdiv, Bulgaria, no primeiro día con medallas en xogo. Ata o punto é así, que a comarca podería sumar media ducia de preseas en cuestión de pouco máis de catro horas e media. As que separan a final do K4 500 Júnior Feminino e do C4 500 Júnior Masculino.

A primeira delas ten fixado o seu sinal de saída ás 8.46 horas. Nela, a caiaquista do Piragüismo Illa de Arousa Lucía Tenreiro Suárez, que xunto a Yaiza Novo (Los Gorilas de Candás), Claudia Blanco (Iuxtanam Mérida) e Natalia Moreira (E.P. Ciudad de Pontevedra) clasificaron o mércores como gañadoras da súa serie na primera das 305 regatas que se disputarán nas augas de Plovdiv durante os cinco días de duración do Mundial.

O C2 500 Júnior Feminino de Nerea Novo, do Náutico Pontecesures, e de Candelaria Delgado, do Círculo Mercantil e Industrial de Sevilla, compiten na regata polas medallas desde as 9.10, logo de completar a súa serie clasificatoria segundas e pelexando polo primeiro posto ata o final.

O canoísta do As Torres-Romaría Vikinga Raúl Fernández semella telo máis difícil para subirse ao podio hoxe. Cuarto na súa eliminatoria, o barco do catoirense entrou na final do C2 500 Júnior Masculino facéndose co derradeiro billete, terceiro onte na semifinal.

Quen semella en disposición de conseguir algo grande, mesmo o título, é o vilanovés do Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán. Tras pelexar a comezos de temporada por ser a baza española na canoa dobre masculina nos Xogos Olímpicos de París, quedando moi preto do seu grande obxectivo, Fontán compite desde as 9.28 pola rúa 4 na final do olímpico C2 500, na categoría Sub 23. Faino cun dos seus compañeiros no grupo nacional de canoa no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, o pontevedrés Martín Jácome, irmán da olímpica Antía. Ambos os dous gañaron o mércores a súa serie de clasificación, con 1,1 segundos de vantaxe sobre os seus inmediatos perseguidores.

Ás 10.23 está programada a final do K2 500 Mixto Júnior. Una final que obrigará a illense Lucía Tenreiro a un esforzo tremendo, con menos de dúas horas de recuperación tras participar na pelexa polo podio do K4 500. Xunto a Manuel López (Kayak Tudense), Tenreiro foi a última en clasificar para a regata decisiva do caiac mixto.

A derradeira final con participación arousá do día de hoxe é a que protagonizan os padexeiros do As Torres-Romaría Vikinga Raúl Fernández, que como Tenreiro, dobra hoxe, e Jairo Zurita. En equipo que con Ulises Colastra (E.P. Aranjuez) e Martín Expósito (E.P. Ciudad de Pontevedra) aspira á gloria no C4 500 Júnior, logo de acabar segundo a súa serie de corte.

Tamén hoxe compite Lara Remigio. A padexeira do Náutico O Muíño de Ribadumia faino desde as 18 horas con David Olivares, do C.P. Cuenca, na semifinal do C2 500 Mixto Júnior, tras rematar últimos na súa serie o mércores. De conseguir o pase Remigio, Arousa terá confirmado o pleno de presenza en finais nos trece barcos nos que compiten os seus oito representantes, con tres finais confirmadas mañá e outras tantas o domingo.