A Illa de Arousa recoñece o labor de Salva Allo a prol do deporte local e a temporada de Lucía Tenreiro

P.P.V. VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

A Fundación de Deportes salienta o labor de defensor e protector do patrimonio mariñeiro a quen foi membro do seu padroado e presidente da Asociación Cultural e Deportiva Dorna

25 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio da Illa de Arousa foi onte o escenario da primeira Gala do Deporte Local, acto de apertura da décimo sexta edición da Festa do Deporte que se prolongará durante toda a vindeira semana, co regreso do Carreirón 10K coma colofón. Dous foron os nomes propios do evento: Salvador Allo García e Lucía Tenreiro.

O primeiro foi o último en subirse ao estrado. Fíxoo para recoller a placa coa que a Fundación de Deportes da Illa recoñece cada ano a unha persoa ou entidade pola súa dedicación a prol do deporte local. Foi o recoñecemento a un firme defensor da lingua e da cultura mariñeira galegas, empeñado en dotar o municipio dun edificio de usos náuticos no que o labor de décadas da Asociación Cultural e Deportiva Dorna atopou por fin o respaldo material ao seu proxecto de recuperación e protección de embarcacións tradicionais. Salva Allo integrou o padroado da Fundación durante 16 anos, ata xullo do 2023.

No tocante a Lucía Tenreiro, A Illa recoñeceuna coma mellor deportista base local do pasado curso, no que a caiaquista foi internacional no Mundial Júnior e Sub 23 do 2023. Ademais, a Fundación entregoulles cadansúa mencións aos integrantes dos equipos prebenxamín B —campións de liga—, infantil —ascenso a 1.ª Futgal— e cadete —ascenso a 2.ª Futgal— do Céltiga, e ao infantil masculino do CB Dorna —gañador da Copa Premium—