Ciclo de cinema francés «Oceanographic» para esta ponte de maio na Illa

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

Haberá catro funcións con entrada de balde

30 abr 2025 . Actualizado a las 10:50 h.

A Asociación Asteroidea, en colaboración con Alianza Francesa e o Concello de A Illa de Arousa, organiza a segunda edición de Oceanographic, unha mostra de cinema como convite a mirar cara o mar, os ríos e a biodiversidade cunha ollada crítica, poética e comprometida coa contorna. Son catro proxeccións, todas no auditorio con entrada de balde.

A primeira será este xoves día 1 de maio co título As Algas Verdes, de Dominique Marchais (Francia 2023). Adaptada da novela gráfica homónima por Inès Léraud e Pierre Joliveto. O guión segue a investigación de Inès Léraud, unha moza xornalista que, impulsada por unha conciencia ecolóxica, decide trasladarse a Bretaña para indagar no fenómeno das algas verdes, un desastre ambiental con consecuencias mortais que afecta algunhas costas bretonas. A través dos seus encontros con denunciantes, científicos, gandeiros e representantes electos, ela esclarece, con dificultade e determinación, medio século de silencio.

O venres ás 20 horas proxectarase La Rivière, de Dominique Marchais (Francia 2023, 104 minutos). Entre os Pireneos e o Atlántico corren uns ríos poderosos chamados «os gaves». A actividade humana está a alterar o ciclo da auga e a súa biodiversidade. Os homes e as mulleres ollan con curiosidade e amor este mundo fascinante de beleza e desastre.

O sábado haberá doble sesión. Ás 19 horas con Rompe-xeos, de Jean Rouch, Tite Törnroth, Raoul Ruiz (Francia 1987, 90 minutos). Brise-Glace é un filme dividido en tres partes, dirixidas por Jean Rouch, Raoul Ruiz e Titte Törnroth. As tres historias teñen lugar nun rompexeos que navega polo Ártico, entre xeo, néboa e mar aberto. Cada director achega unha mirada distinta, pero todas comparten o frío, o silencio e a sensación de estar lonxe de todo.

Ás 21 horas será a quenda de O Salvaxe e Azul de Alén Werner Herzog (Francia 2005, 80 minutos). Un docu-ficción que mergulla ao espectador no mundo mariño e salvaxe dun planeta da galaxia Andrómeda que, irónicamente, se converteu na última esperanza para a supervivencia humana. Esta fita propón como fío condutor nesta viaxe a un extraterrestre que chegou á Terra hai varias décadas porque o seu planeta (O Salvaxe e Azul Alén) experimentou unha glaciación debido a que a estrela principal do seu sistema solar está a piques de morrer.