
A obra ten un orzamento de 48.243 euros e un prazo de execución de dous meses
16 may 2025 . Actualizado a las 16:12 h.O Concello da Illa de Arousa deu comezo ás obras de creación dun novo miradoiro no paseo do Naval. A intervención, cun orzamento total de execución de 48.243,52 euros (IVE incluído) contempla a conversión dunha área de tránsito rodado nunha praza-miradoiro de uso eminentemente peonil. As obras céntranse no aterrazado dun espazo estratéxico entre dúas vivendas, onde se configurarán unhas bancadas orientadas cara ao mar que permitirán gozar de vistas privilexiadas sobre a ría. O proxecto inclúe a canalización da rede de iluminación e de recollida de augas pluviais, a creación de soleiras de formigón con detalles de adoquinado e a instalación de bancadas de madeira, buscando non só a mellora estética senón tamén a funcionalidade e o benestar dos veciños, segundo informa o Concello.
Este investimento para a infraestrutura local é posible grazas á consecución de fondos europeos Next Generation EU, canalizados a través do Plan Nacional de Sostenibilidade Turística en Destinos Xacobeos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. «Cómpre salientar que a obtención desta subvención foi posible grazas ás xestións realizadas pola anterior presidenta da Mancomunidade do Salnés», enganden desde o goberno local.
O alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, destacou que «con este novo miradoiro queremos transformar ese espazo para o encontro e o desfrute dos nosos veciños e veciñas. É unha actuación pensada para as persoas, para que poidan gozar da ría e da natureza con comodidade e seguridade. Este é un exemplo máis do noso compromiso coa calidade de vida e cun urbanismo sostible, que mellora o día a día da veciñanza».
As obras, que xa se iniciaron, teñen un prazo de execución estimado de dous meses, seguidos dun período de garantía de vinte e catro meses, asegurando así a calidade e durabilidade da nova infraestrutura. «Espérase que este novo miradoiro, unha vez finalizado, se converta nun punto de encontro e lecer para a veciñanza da Illa de Arousa, ofrecendo un lugar idóneo para a contemplación da beleza natural da ría e un espazo renovado no corazón do Paseo do Naval para o goce da veciñanza».