
O Concello asinará un convenio co Refuxio de Animais de Cambados por 2.000 euros
31 may 2025 . Actualizado a las 11:24 h.O Concello da Illa e o Refuxio de Animais de Cambados asinarán nos próximos días un convenio de colaboración, xa aprobado en Xunta de Goberno, destinado ao control de colonias felinas mediante o método CES (captura, esterilización e solta), «unha iniciativa que busca xestionar de forma ética e eficaz a poboación de gatos na localidade», segundo informa a alcaldía.
O acordo establece unha subvención de 2.000 euros que se destinará integramente ao control de trece colonias de felinos. O convenio terá unha duración inicial dun ano prorrogable ata un máximo de catro.
O método CES xa se aplica noutros puntos da comarca, caso de Cambados, e consiste na captura dos exemplares, a súa esterilización veterinaria e posterior solta na mesma zona, evitando así o crecemento descontrolado da poboación felina e os problemas asociados, como poden ser os ruídos, os malos olores ou a transmisión de enfermidades.
«Dende o Concello reafirmamos o compromiso co benestar animal e a saúde pública, apostando por solucións éticas e eficaces para a xestión da fauna urbana, neste caso centrada exclusivamente na poboación felina do municipio», subliña Luis Arosa.