A Illa acolle este mércores unha xornada aberta e gratuíta sobre a administración electrónica

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

marcos creo

Será a partir das 10 horas na sede do club de xubilados situado nas Casas Modernistas

02 jun 2025 . Actualizado a las 14:58 h.

O Club de Xubilados da Illa de Arousa situado nas Casas Modernistas será o escenario este mércores a partir das 10 horas dunha nova sesión do programa «A Administración preto de ti», unha xornada informativa aberta a toda a cidadanía, especialmente pensada para achegar os servizos dixitais da Administración Xeral do Estado ás persoas que teñen máis dificultades para acceder a eles. O obxectivo é fomentar a autonomía dixital da veciñanza, explicando os principais recursos dispoñibles e facilitando o seu uso práctico. Nunha primeira parte o persoal técnico explicará cuestións como a identificación electrónica: certificado dixital da FNMT e sistema Cl@ve (Cl@ve PIN, Cl@ve permanente e Cl@ve móbil); o funcionamento da Carpeta Cidadá, como espazo centralizado de tramitación; as vantaxes e trámites dispoñibles a través da app e o portal Import@ss da TGSS (alta ou baixa como autónomo, consulta de cotizacións, vida laboral, actualización de datos, acceso biométrico…); os diferentes canles de atención do INSS e do SEPE, como solicitar cita previa, consultar prestacións ou realizar solicitudes en liña con e sen identificación electrónica.

Na segunda parte da xornada prestarase atención personalizada ás persoas asistentes que desexen resolver dúbidas ou realizar xestións concretas co apoio do persoal presente. A duración estimada é de 2 horas. A actividade é de acceso gratuíto e está organizada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

 O alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, destacou que «esta iniciativa representa unha oportunidade real para que as nosas veciñas e veciños coñezan mellor os recursos que teñen ao seu alcance e poidan facer os seus trámites de forma máis sinxela e autónoma, sen depender de terceiros nin ter que desprazarse fóra da Illa».