A edición número 40 da Volta á Arousa de Dornas a Vela virá cun repaso á historia e moita música

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O programa incluirá a proxección de vídeos dos primeiros anos, unha exposición e os concertos de Dakidarría e de Loita Armada

04 jul 2025 . Actualizado a las 20:35 h.

O sábado 12 de xullo a Volta á Arousa de Dornas a Vela vivirá a súa cuadraxésima edición. Catro décadas redondas desde que os seus promotores puxeron en pé unha proba que moitos consideran a clave da salvación dunha das embarcacións tradicionais máis recoñecibles da cultura mariñeira galega. «Se non se fixera esa primeira regata», aló por 1985, «ao mellor non se terían recuperado as dornas» e non quedaría unha, subliñou este venres na presentación da cita deportiva Héctor Suárez. E por iso, engadiu o director da Escola de Navegación Tradicional da Illa de Arousa, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna vai vestir esta nova edición dun programa especial coa colaboración do Concello.

Un día antes da regata, no auditorio local proxectaránse os vídeos dos primeiros anos da Volta á Arousa que recuperou a asociación Dorna nos que, indica Suárez, se pode ver multitude de xente que se agolpaba no Xufre para ver a saída ou en barcos seguindo o avance das dornas. Acto seguido, inauguraráse unha exposición sobre os 40 anos da cita mariñeira con fotos, con carteis, coa listaxe de todos os vencedores e ata co primeiro regulamento de competición de dornas a vela, escrito a máquina mecanográfica. Unha foliada na praza do Concello pechará a primeira xornada.

O 12 de xullo haberá unha primeira regata, matutina, de dornas a remo, que dará paso á razón de ser de todo, a Volta á Arousa de Dornas a Vela. E na liña de enxalzar o aniversario, a organización decidiu recuperar o primeiro punto de saída na historia da regata, desde a enseada do Cantiño.

A proba dará paso, a partir das 21.30, a un festival musical promovido pola Concellería de Cultura e Mocidade, co dj MB abrindo a noite e servindo tamén de transición e de peche coas actuacións de Dakidarría, de 22.30 a 00.00, e de Loita Armada, de 00.30 a 02.00 horas.

A presentación do programa contou coa presenza do alcalde e do tenente de alcalde da Illa, Luis Arosa e Manuel Suárez, que lle agradeceron á A.C.D. Dorna o seu labor de conservación de embarcacións tradicionais —arredor de medio cento só en cuestión de dornas—. Héctor Suárez pediulle ao propietario de calquera barco tradicional que pretenda desfacerse dela que a entregue a unha das varias asociacións que actualmente as recuperan na ría para evitar a súa desaparición.