Igafa impartirá un curso de formación sanitaria inicial na Illa de Arousa
A ILLA DE AROUSA
As ensinanzas duran 22 horas e contan con ata 16 prazas
29 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), entidade dependente da Consellería do Mar, celebrará dende o 15 ata o 19 de setembro un curso de formación sanitaria inicial nas súas instalacións da Illa de Arousa.
O curso ten unha duración de 22 horas e conta con 16 prazas, aínda que si se rexistra un volume maior de solicitudes, a Consellería do Mar poñerá en marcha novas edicións. Esta é unha formación imprescindible para o desempeño profesional dos traballadores do mar que se suma a outras que xa se realizaron no centro formativo da Illa como o de reciclaxe de primeiros auxilios de mergullo profesional nivel I ou os de actualización de formación sanitaria inicial, entre outros.
Con isto a Xunta continúa dando resposta ás necesidades do sector pesqueiro mediante o impulso de formación profesional e a realización de cursos por parte das propias confrarías, financiados ao abeiro dunha orde específica de axudas autonómicas bianual que está dotada con 1,5 millóns de euros e que permitiu a realización de 97 cursos este ano.