O Céltiga pesca unha fichaxe de luxo na semana de inicio de Liga: Jordan, procedente do fútbol grego

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

<span lang= gl >Jordan, posando coa bufanda do club da Illa de Arousa</span>
Jordan, posando coa bufanda do club da Illa de Arousa CEDIDA

O Juventud Cambados faise cos servizos do central Hugo Táboas, cedido polo Pontevedra

01 sep 2025 . Actualizado a las 19:56 h.

A directiva e o corpo técnico do Céltiga veñen de demostrar ata que punto o seu obxectivo de celebrar ao grande o vindeiro centenario do club vai en serio. Os responsables do equipo da Illa de Arousa arrincaron a semana de inicio da Liga de Tercera RFEF co anuncio da contratación de Jordan Domínguez Rajo. Mediocentro de 30 anos formado na canteira do Celta de Vigo, club no que viviu os seus dous primeiros anos como futbolista sénior no filial na extinta Segunda B, o chamado a ser o novo home de referencia do xogo do conxunto que dirixe Luis Carro fixo despois carreira no Toledo, no Real Murcia e no Conquense sen abandonar a citada categoría antes de fichar polo Compostela cando a Segunda B deu paso á creación da Primera e Segunda Federación.

Logo de tres anos no equipo de Santiago, Jordan probou sorte o curso pasado na Segunda División de Grecia, lucindo a camisola do Panargiakos.

Desde o Céltiga sinalan que a última incorporación chega ao vestiario do Salvador Otero para sumar «calidade técnica, personalidade e esa veteranía necesaria para marcar os tempos do partido» a través do seu «oficio, visión de xogo e liderado no medio campo».

A incorporación de Jordan alimenta as grandes expectativas xurdidas arredor do cadro de futbolistas reunidos por Edu Charlín e por Luis Carro este verán, engordadas o pasado sábado co triunfo por 3-1 no Trofeo Concello da Illa sobre todo un Segunda Federación como o Coruxo.

Hugo Táboas, ao Cambados

O mercado de fichaxes da Tercera RFEF deixou este luns tamén o anuncio da cesión por parte do Pontevedra do central de 19 anos Hugo Táboas ao Juventud Cambados. O defensa realizou a pretempada co equipo granate de Segunda Federación e con el o equipo cambadés dá por pechado o seu cadro de xogadores, a expensas do que ditaminen as probas ao lesionado lateral esquerdo David Pérez.