Cine de autor, música e clásicos animados na primeira semana de cine na Illa de Arousa
A ILLA DE AROUSA
Entrecortiñas proxectará en sesións gratuitas obras de David Lynch e Óliver Laxe, ademáis de O meu veciño Totoro
11 sep 2025 . Actualizado a las 19:17 h.O cineclub Entrecortiñas organiza a primeira edición da Semana de Cine na Arousa, que terá lugar no auditorio municipal de A Illa de Arousa entre o xoves 18 e o domingo 21 de setembro. Todas as proxeccións contarán con entrada de balde, convertendo o evento nunha oportunidade única para achegarse ao cinema contemporáneo e a clásicos imprescindibles. As sesións principais comezarán cada día ás 21.00, agás o domingo, que terá un horario adaptado ao público familiar.
A programación arrancará o xoves 18 cunha dobre proposta. Ás 20.00 horas, na terraza do bar Museo, Iván Vaseline ofrecerá unha sesión especial coa música de David Lynch e as suas películas como protagonistas. Xa no auditorio, ás 21.00 horas, proxectarase Una historia verdadeira, unha das obras máis singulares do director norteamericano, que se afasta do seu habitual estilo onírico para narrar unha viaxe humana e íntima.
«Sirat»
O venres 19 será a quenda de Sirat, do galego Oliver Laxe. A película poderase ver en dúas sesións, ás 20.00 e ás 22.30, ofrecendo ao público maior flexibilidade para gozar desta peza recoñecida pola súa intensidade visual e polo seu profundo achegamento á espiritualidade e á relación co territorio. Na xornada do sábado 20, o auditorio acollerá Antes de nós, da realizadora Ángeles Huerta. Unha obra que afonda na memoria colectiva, a tradición e a identidade galega a través dunha linguaxe cinematográfica moi persoal.
Por último, o domingo 21 a Semana de Cine na Arousa pecharase cun clásico da animación xaponesa: O meu veciño Totoro, de Hayao Miyazaki. Haberá dúas sesións, ás 17.00 e ás 19.00 horas, pensadas especialmente para familias e público infantil, pero tamén para todas aquelas persoas que queiran revivir un título que xa forma parte da historia universal do cinema.