Juventud Cambados e Céltiga miden os proxectos de dous ascendidos mentres o Arousa recibe o Noia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O club vilagarcián presume dun equipo xuvenil que durmiu segundo da División Honor tras vencer o CD Lugo

19 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campo Municipal de Burgáns apunta a cheo na mañá deste domingo. Ás 12.00, os dous equipos que hai escasos meses compartían a ledicia de subir ao unísono desde a Preferente Galicia á Tercera RFEF, Juventud Cambados e Céltiga, vense as caras nunha sétima xornada na que o Arousa recibe, desde as 18.00 no céspede da Lomba, o Noia.

Difícil compromiso o que manexan os adestradores do derbi do Salnés, Pénjamo, polo conxunto local, e o vilanovés Luis Carro, polo da Illa de Arousa. E é que nunha competición de 18 equipos e tres descensos, a extraordinaria igualdade amosada polo groso dos integrantes do grupo galego da Tercera RFEF fai que cada encontro se estea convertendo nunha oportunidade única para poder sacar a cabeza. Algo que no día de hoxe lle urxe sobre todo ao Céltiga, penúltimo na táboa con tan só 4 puntos e inmerso nunha preocupante xeira de malos resultados, cun só punto nos catro últimos encontros. Un punto de partida moi diferente ao do Juventud Cambados, que se ben tan só dispón de dous puntos máis, 6, foi quen de sumar en catro dos seus seis duelos precedentes no que vai de campionato. E sobre todo, amosando unha extraordinaria solvencia diante da súa portería, empatado a catro tantos en contra con outros catro equipos como mellor balance defensivo da Liga.

«El Céltiga es un equipo con mucho potencial y jugadores de mucha calidad y buen trato del balón», salientaba na véspera o técnico rival. Pénjamo subliña a necesidade dos seus homes de «mantener un nivel alto de concentración y trabajo para minimizar su potencial ofensivo, ser ganadores de duelos y no dejarles manejar cómodos el balón».

O seu homólogo no Céltiga, Luis Carro, salientou do Juventud que se trata de «un rival en boa dinámica e moi, moi, moi competitivo». Como Pénjamo, sinala a necesidade de saber xestionar o elemento emocional entre os futbolistas por tratarse dun duelo de rivalidade veciñal.

Pola súa banda, o Arousa recibirá o Noia, décimo clasificado con 7 puntos, só catro menos cos de Gonza, coa obriga de quitarse as pantasmas que unha semana atrás regresaban tras o contundente 3-1 encaixado no campo do Racing Vilalbés, chegando con 3-0 ao descanso. O técnico dos arlequinados declarou que non cre que teña que cambiar nada a raíz deste resultado, que explica por dous erros defensivos no inicio do encontro que o mediatizaron todo.

Álex entra na convocatoria, pero non así Martín Diz, que se suma a Mario na enfermaría e volve privar a Gonza do xogador máis diferencial do Arousa.

Os de Perú dormen segundos da División Honor Juvenil tras vencer 2-1 o Lugo

Netamente superiores durante boa parte do encontro, os pupilos de David López, Perú, impuxéronse onte no Manuel Jiménez 2-1 ao Lugo. Un resultado que lle permitiu ao Arousa durmir como segundo clasificado do Grupo 1 da División Honor Juvenil a falta de que hoxe se xoguen seis dos oito encontros da quinta xornada. 

David Sánchez, no minuto 6, abriu o marcador na primeira chegada con perigo do partido, sacándose un zurdazo raso imparable. O Arousa dominou as primeiras medias horas de cada tempo, ampliando a súa vantaxe nada máis volver ao campo, no 47, con Raúl aproveitando o rexeite a disparo de David Sánchez nun saque de córner. Os de Perú atopáronse cun enorme Jairo, que abortou baixo paus un bo fato de perigosos remates locais, encaixando de penalti no 71, gol de Lucas, e tendo que acabar defendendo o resultado.