A Illa presenta o seu plan para Testos e prepara o terreo para o levantamento do pavillón
A ILLA DE AROUSA
O Concello confía en obter o apoio económico da deputación para sacar adiante un proxecto valorado en 1.050.000 euros
08 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello da Arousa xa ten trazado o futuro da área deportiva de Testos. Onte presentou o plan de humanización da zona, que pasa pola expropiación dos terreos agrestes, limpeza das silvas e construción dun paseo que conecte o entorno co centro da vila. Todo isto como antesala á edificación do desexado pavillón deportivo da Illa.
O rexedor Luis Arosa, acompañado do tenente de alcalde Manuel Suárez e do concelleiro Manuel García Poza, introduciu un proxecto valorado en 1.050.000 euros, boa parte dos cales irán destinados á adquisición de 43.000 metros cadrados de parcelas que pasarán a ser de titularidade pública. Segundo detallaron, confían en que boa parte do financiamento proveña dos plans Extra e Máis Provincia da deputación. O resto deberá saír das arcas municipais.
As actuacións levaranse a cabo seguindo uns estritos criterios de excelencia ambiental e integración paisaxística, procurando evitar os movementos de terra, empregando materiais naturais como a pedra, a madeira e o xabre para a construción dos sendeiros e o mobiliario e iluminación LED. Os cons do entorno, emblemáticos do horizonte arousán, serán conservados e sinalizados como merecen. Nas beiras dos camiños levantaranse as zonas verdes, nas que o Concello pretende substituír as especies invasoras por un bosque atlántico, con carballos, bidueiros, castiñeiros, piñeiros do país, loureiros e acivro, entre outros. Outro obxectivo deste plan é conectar Testos co centro, un entorno que se sinte máis afastado do que realmente está. «O proxecto está excelentemente detallado e teño o convencemento de que quedará unha das zonas de lecer máis bonitas da provincia e mesmo de Galicia», manifestou Arosa, que xa pensa no seguinte paso: o pavillón.