A dirección técnica do club busca xa unha alternativa ante o baixo rendemento e a falta de adaptación de quen veu coma pívot titular
21 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Disque rectificar é de sabios. Pero máis meritorio inda é facelo antes de materializar o erro. E a iso se puxo a dirección técnica do Xuven Cambados nos últimos días. A negociar unha pronta rescisión de contrato con Vladzimir Krysevich. O internacional bielorruso de 26 anos e 209 centímetros convertido este verán na aposta do club arousán para o posto de pívot titular, presentado no seu día desde O Pombal coma un interior de gran xogo de costas ao aro e bo manexo do corpo. Cunha ampla traxectoria na máxima categoría do seu país, e experiencias en Rumanía, Xeorxia e un fugaz paso polo Galitos luso, o seu baixo rendemento e a falta de adaptación ao equipo e mais ao baloncesto español convenceu os responsables do Xuven de que había que buscarlle unha saída ao eslavo, e evitar un primeiro prexuízo en forma dos 1.800 euros de custe da súa ficha en calidade de xogador non comunitario nin cotonú.
«Fixemos unha boa Copa Galicia, contra rivais de LEB Ouro, e en condicións inferiores. Fáltannos os dous interiores titulares», comentaba onte o adestrador do cadro cambadés, Chiqui Barros, ao ser preguntado polo seu balance copeiro. O costamarfileño Bernard Morena, inda pendente de resolver o seu visado, era un dos ausentes. O outro, un Krysevich dispoñible nos cinco partidos de pretempada disputados ata hoxe polo Xuven.
«É moi traballador, e moi honrado, pero non se adapta a este baloncesto. Hipotequei partidos, en Guimarães e Ourense, poñéndoo de inicio, sabendo que se fora outra competición -a Liga- non o faría. Con el temos un problema de rendemento. Non resposta ao que agardabamos del. Hai tempo que vin que non era o que precisabamos. O club leva días traballando en buscarlle unha saída», comenta o técnico.
Unha xestión que, por lóxica, vai en paralelo á procura dunha alternativa de garantías. E é que sen un horizonte claro para a chegada de Morena desde Costa de Marfil, ao Xuven xa só lle restan nove días para a súa estrea na Liga de LEB Prata 2017/18. Con Poyatos e con Iago Estévez, segundas unidades, como únicas bazas interiores, e castigados polo exceso de minutos de xogo en pretempada que se víu obrigado a darlles Chiqui Barros sen Morena e con Krysevich fóra de onda.
Gala de presentación do equipo o sábado
Á marxe da actualidade deportiva, desde o Xuven infórmase da celebración, este sábado no Salón Peña a partir das 21.30 horas, da Gala Presentación da nova tempada do club. Con venda de tapas, de viño e de copas, e cun monólogo de Carlos Blanco e varios djs, a 8 euros a entrada anticipada e a 12 en taquilla. Máis información, no 986 526 095, de 19 a 22 horas.