Xuven e Concello de Cambados enterran a machada de guerra

CAMBADOS

MARTINA MISER

Baloncesto Ambas partes zanxan a polémica polos marcadores e polos usos do Pombal

12 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O sangue non chegou finalmente ao río. O Club Xuventude Baloncesto e o goberno municipal do Concello de Cambados enterraron onte a machada de guerra aireada o luns coas contundentes declaracións públicas do presidente da entidade deportiva, Toño Lema. Unhas declaracións nas que advertía da marcha do primeiro plantel amarelo a algún concello veciño para xogar o resto da Liga de LEB Prata se o Concello no solucionaba de inmediato os problemas cos marcadores de 24 segundos do Pavillón Municipal do Pombal, orixe de cinco multas nun ano por parte da Federación Española de Baloncesto por valor de 150 euros cada unha. Tal e como anunciara o martes o concelleiro de Deportes, Víctor Caamaño, o executivo local aprobaba o mércores a adquisición dun novo pack de dous marcadores de 24 segundos -non os venden por separado-, valorados nuns 2.500 euros, e onte xestionaba a súa chegada e instalación canto antes a fin de que estean listos para o vindeiro partido de Liga do Xuven no Pombal, o sábado día 20.

«Muy bien. Muy bien. Todo aclarado», manifestaba Lema pouco despois de saír da xuntanza a catro organizada pola alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, na que participaron ademais o director da canteira do Xuven, Alberto Rodríguez, e Víctor Caamaño.

As marxes da administración

Lema xustificou a súa advertencia da posible saída de Cambados do primeiro plantel do Xuven, que Caamaño interpretou como unha ameaza, en que «hay una situación que no podíamos mantener más en el tiempo, porque redundaba en la economía del club, y daba una mala imagen. Nosotros estábamos en una situación límite; por eso decidimos hacer lo que hicimos». Tras hora e media de diálogo e intercambio de información sen, sosteñen ambas partes, tensión, o mandatario do club comentaba onte que «me consta que Víctor intentó en varias ocasiones solucionar el problema, pero tenía agotado el presupuesto. El problema es que Mondo -a empresa subministradora dos marcadores- trabaja previo pago. Nosotros desconocemos el funcionamiento del Concello, cómo se hacen las cosas. Lo veíamos sencillo: Se paga, y punto». Tras falar co goberno local, «damos por enterrada la cuestión».

«Ben, sen problema. Solucionadas as discrepancias. Todos fumos con boa disposición á xuntanza», manifestou pola súa banda Víctor Caamaño tras a reunión, «agardo que non haxa máis problemas en cuestións deste estilo» co Xuven, conclúe. O edil de Deportes reiterou que «comprendo a situación do club, pero a administración leva tempos distintos», e neste caso ao seu departamento non lle quedou outra que tirar de reparacións dos marcadores ante as sucesivas avarías rexistradas durante o 2017 ata que a recente aprobación dun novo orzamento municipal, e non o ultimátum do Xuven, dá pé agora á compra duns novos.

As tardes dos domingos, e pronta solución para a cuberta

A hora e media de xuntanza entre Xuven e Concello deu para bastante máis que para solucionar a polémica dos marcadores. «Limamos asperezas, e acordamos coordinarnos o mellor posible», comenta Víctor Caamaño, que coma Toño Lema, se referíu a outros dous asuntos de interese común para ambas partes.

O primeiro, o uso do pavillón do Pombal. O presidente do Xuven explicoulles aos representantes do goberno local que «teniendo entrenadores que llevan dos equipos, no nos queda otra que a veces jugar los domingos por la tarde». O edil de Deportes sinala que o Concello xa ten aberto puntualmente o pavillón para o Xuven nesa franxa fóra de servizo, e que o seguirá facendo, «pero de forma excepcional, non coma algo ordinario, polo que lle pedimos ao club que faga un esforzo» para non ter que tirar de horas extras dos traballadores municipais.

O Xuven trasladoulle tamén ao Concello a súa preocupación polo deterioro que as pingueiras causan no Pombal. Caamaño lembra os 7.000 euros investidos neste capítulo hai un ano, e adianta que o Concello decidirá en breve se investir outros 25.000 euros en illalo, ou apostar por unha cuberta nova.