Cambados crea a Escola de empoderamento Dolores del Valle para darlle unha nova voz ás mulleres

b. c. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Ao abeiro deste foro organizaranse actividades culturais, de ocio e reivindicativas e daranse a coñecer as «mulleres referentes» da vila

23 nov 2021 . Actualizado a las 11:07 h.

O Concello de Cambados dá un paso máis na súa loita por darlle visibilidade ao papel das mulleres na sociedade e rematar con problemas como a violencia de xénero, a cultura patriarcal e os «micromachismos». Nese contexto nace a Escola de Empoderamento Dolores del Valle, un marco para celebrar actividades culturais, de ocio e reivindicativas, que actuará, tamén, de punto de encontro para as mulleres e servirá de plataforma para dar a coñecer ás «mulleres referentes» do municipio, vivas ou mortas, que non teñen por que ter, necesariamente, unha proxección pública. «Non fai falta ser unha gran escritora ou pintora para ser unha gran muller», explica a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal.

¿E quen mellor que Dolores del Valle A francesa, benfeitora de Cambados e muller empoderada do seu tempo, para arrincar este proxecto?, pensaron no Concello. Haberá que agardar uns días para coñecer polo miúdo as actividades que se van desenvolver nos vindeiros meses. Entre tanto, para ir abrindo boca, este luns organizouse un acto no consistorio para presentar o vídeo promocional co que a escola quere darse a coñecer entre a veciñanza. O traballo é obra da cambadesa Andrea Bouzo, que vén de recibir un premio no Ourense Film Festival coa curtametraxe III Marías.

É a primeira aportación da escola á hora de abrirlle portas ás mulleres da vila, algo que Andrea non deixou de agradecer. No acto tamén estivo María Buceta para falar do espírito do proxecto que ela dirixe. « Empoderar non é enfrontar, non é restar aos homes, simplemente é tomar conciencia do que as mulleres facemos día a día na sociedade cambadesa e na comarca do Salnés, onde o papel da muller destaca sobre maneira», indicou.