Bipartito e oposición de Cambados abren o luns as negociacións do orzamento do 2022
CAMBADOS
As contas propostas ascenden a 9,7 millóns de euros, un 6 % máis co exercicio anterior
26 mar 2022 . Actualizado a las 18:21 h.A Concellería de Economía e Facenda de Cambados ten listo o proxecto dos orzamentos municipais do exercicio 2022 e entregarallo aos grupos da oposición o vindeiro luns, coincidindo coas comisións informativas do pleno mes de marzo que se celebra este xoves. O orzamento debaterase e votarase con posterioridade, nun pleno extraordinario con data por determinar, a expensas das negociacións que o grupo de goberno vai manter coa oposición. O bipartito (PSOE-Somos) está en minoría e precisa do apoios para acadar a maioría que lle permita sacar as contas adiante. O ano pasado este acordo non chegou e a entonces alcaldesa, Fátima Abal, viuse obrigada a someterse a unha cuestión de confianza que non prosperou. Pero o asunto non chegou a máis. O BNG furtou a opción dunha moción de confianza e os orzamentos do 2021 foron aprobados automaticamente.
Á espera de ver como evolucionan as negociacións políticas, Charlín fixo público un avance do proxecto de orzamento do exercicio 2022, que vai ascender a 9.703.688 euros. Isto supón un 6 % máis con respecto ao exercicio pasado, «pero este incremento non se produce nin por unha suba nos tributos municipais nin por unha nova operación de endebedamento do Concello, xa que Cambados mantén os impostos conxelados a veciñanza ademais de reducir a débeda municipal coas entidades de crédito en máis de dous millóns de euros desde 2015», apunta o edil de Facenda.
O principal incremento nas contas municipais prodúcese na cantidade que recibe o Concello da participación nos tributos do estado neste ano, que ascenden a case 3,5 millóns de euros. Cambados ingresa máis cartos de outras administracións que dos impostos.
No tocante aos gastos municipais para o 2022, o capítulo de persoal ascenden a 4,2 millóns e de gastos correntes a 4,7 millóns de euros; increméntase o gastos social, como vén ocorrendo desde 2015, e mantense o investimentos en gasto corrente en educación, deporte, sanidade e cultura. Respecto ás transferencias correntes municipais, aumentan as axudas a entidades sen animo de lucro tanto culturais, como sociais e deportivas.; ademais, o proxecto de orzamentos, inclúe unha partida en investimentos que é precisa para cubrir a parte da financiamento municipal comprometida nas axudas e subvencións solicitadas a outras administracións durante o presente exercicio por parte do Concello de Cambados.