O San Tomé comparte o seu xeito de impartir as Matemáticas con outros colexios de España

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Mónica Irago

Profesores de Tenerife, Málaga e A Coruña visitan Cambados co gallo dun intercambio escolar

01 feb 2023 . Actualizado a las 14:16 h.

O colexio San Tomé (Cambados) leva anos ensinando as Matemáticas doutro xeito, seguindo o modelo manipulativo, que pasa por utilizar regras ou cubos con exemplos prácticos no canto de recorrer aos libros máis convencionais. Non son os únicos que o fan en España e co fin de propiciar un mellor coñecemento deste modelo didáctico o Ministerio de Educación conta cun programa de intercambios escolares.

Neste contexto inscríbese a visita que estes días están a realizar ao colexio de San Tomé profesores chegados de Tenerife, Málaga e A Coruña para coñecer como se traballa neste centro e facer unha posta en común, devolvéndolle así a visita que os galegos fixeron aos seus respectivos centros o pasado ano. Ao San Tomé quédanlle por diante outras tres viaxes a colexios de Murcia, Castellón y Asturias —neste último caso acudirán tamén alumnos— e, mentres tanto, tócalles actuar como anfitrións.

Non faltou o elemento institucional. A concelleira de Educación, Fátima Abal, acudiu hoxe ao centro para entregarlles aos docentes participantes do intercambio un agasallo, consistente nun libro de acuarelas de Eduardo Bahamonde, coas imaxes de Cambados, e un pin da Torre de San Sadurniño.