Samuel Lago, candidato do PSOE en Cambados: «Pode haber tres ben levados»

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Con 11.485 votantes chamados ás urnas este domingo, a vila constitúe a segunda praza electoral do Salnés

25 may 2023 . Actualizado a las 08:17 h.

No momento no que Fátima Abal deu un paso atrás, en xaneiro do 2022, Samuel Lago empuñou o bastón de mando en Cambados para asumir agora o liderado do PSOE de cara á reelección.

—Que terá o Concello de Cambados que é tan desexado.

—Cambados é un lugar que ten renome, prestixio. A pesar de non ser unha gran cidade, ten o seu oco no eido da cultura, no turismo, e unha presenza importante nos medios de comunicación. Por iso é un lugar cobizado por todos os partidos.

—Un símbolo do Salnés?

—A súa capital tradicional.

—Non sei que pensarán disto en Vilagarcía.

—Vilagarcía é o concello máis poboado. Pero a capital tradicional do Salnés, a súa capital histórica, é Cambados.

—Como se vive mellor, como concelleiro ou como alcalde?

—Difícil pregunta. Ser concelleiro é máis levadeiro, porque tes un parapeto en primeira liña. Ser alcalde dá máis responsabilidade, pero tamén máis satisfaccións, máis liberdade para o exercicio da túa función. Sen dúbida, eu prefiro ser alcalde.

—Fátima Abal pecha a lista.

—A min realmente gustaríame que continuase. Pero é unha decisión persoal. É un posto simbólico, a modo de homenaxe por ser a primeira muller e a primeira socialista en ocupar a alcaldía.

—O Concello botaraa en falta?

—Sen dúbida. Sempre tivo un corazón grande, e foi capaz de ver as cousas dende a perspectiva dos máis desfavorecidos; cuestións que a outros podíannos custar máis e ela facíanos ver.

—En Cambados hai concelleiros que xestionan e non cobran.

—Hai distintos graos de implicación, pero en determinadas áreas e concellos o traballo de xestión política debe ser remunerado. Estiven case tres anos nesa situación, e podo dicir que compaxinar un traballo a tempo completo cunha concellería como a de Obras e Servizos é complicadísimo. O labor público esixe moita dedicación, moita implicación, e debería estar regulado para que non dependese do xogo político.

—Aquí ningunha broma. Fóra do albariño, con que viño se queda?

—Ribera del Duero. Pero en brancos, o albariño, sen dúbida.

—Se lle pregunto polo concepto de cohabitación, que me di.

—Que é unha vía que se pode explorar, aínda que nunca debe ser forzada.

—Vaise levando?

—Si, porque permite ver os puntos de vista alleos, un contrapunto, un apoio dende outros ollos.

—Dous son parella e tres multitude?

—Pode haber tres ben levados.

—Algo do que estea orgulloso?

—Dúas cousas: ter cambiado o enfoque das obras, para incorporar nelas os servizos, e unha estratexia de reforma dos espazos públicos concibidos como lugares de convivencia e polos de atracción comercial e turística.