Pecha porque a Deputación de Pontevedra non nos axuda e a Xunta non inviste como fai en Ribeira
17 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Oasilo de Cambados abriu as súas portas no 39 e nestes 85 anos foi quen de sobrevivir ao fin dunha Guerra Civil e unha Guerra Mundial, aos Anos da Fame e á Longa noite de pedra, á crise do petróleo ou á do ladrillo, e mesmo á burbulla inmobiliaria, pero non foi quen de superar os tempos de crispación social e falta de hixiene política que estamos a vivir. Cando acontece un problema deberiamos centrarnos en buscar unha solución, pero vivimos nunha sociedade que esta máis preocupada en buscar culpables. Quizais froito do continuo enfado e falta de empatía social actual o que deriva en vivir día a día nunha situación política de continuo enfrontamento.
En Cambados ao longo destes anos mercáronse varios edificios emblemáticos para uso público, como o Parador, Torrado, o Museo do Viño ou mesmo o Muíño da Seca, pero sempre contou co consenso e coa axuda doutras administracións. Pero, como imos pedir axuda noutras administracións se os nosos representantes locais non son capaces de chegar a un acordo claro e unánime para que poidamos seguir tendo un asilo en Cambados?
O asilo pecha en Cambados porque a Deputación de Pontevedra non nos axuda a mantelo aberto, como si fai a Deputación da Coruña en Rianxo coa construción dunha nova residencia, ou porque a Xunta non inviste máis de 11 millóns de euros para facer unha nova residencia pública como si fai en Ribeira, de onde é natural a conselleira de Política Social, a pesar de que no seu concello xa teñen unha residencia. Ambas residencias van competir para ser a residencia pública de referencia na comarca do Barbanza, mentres no Salnés non temos ningunha residencia de titularidade pública.
Unha conselleira que dixo no Parlamento de Galicia que a Xunta non está para mercar pazos e que non ían apoiar ao Concello de Cambados co asilo porque non pediran un ano antes de que se fixera público que o asilo pechaba unha subvención para facer un centro de día no noso pobo, cando o centro de día xa levaba 5 anos aberto en Cambados. Porque cando a culpa non ten dono, a culpa é de todos.