Cambados organiza media ducia de eventos musicais para conmemorar o aniversario deste centro de formación
19 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O conservatorio elemental de música de Cambados está a piques de cumprir vinte anos. E pode dicir o tango que iso non é nada, pero tal afirmación merece ser discutida: durante todo este tempo, unha gran cantidade de rapazada tense achegado ao mundo da música da man dun equipo docente que ten mudado co paso do tempo, pero que dalgunha maneira se vai reencontrar nos «actos extraordinarios» que se van desenvolver co gallo de tan redondo aniversario. As citas musicais comezan este mesmo venres, cando un dos ex docentes do centro se achegará a Cambados coa formación Fanfarria Taquicardia, para ofrecer un curioso repertorio de sons armenios. Hai logo que dar un salto ata o mes de marzo, cando outro ex profesor achegarase ata a vila do Albariño coa banda de música Sons e Soños, que aglutina a xente dos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol. En marzo haberá dous concertos, un da banda sinfónica vinculada ao conservatorio de Santiago, e outro da Orquestra Sinfónica do de Pontevedra. Nos dous casos, mobilizaranse máis de setenta músicos. Este programa extraordinario rematará cun concerto da Banda de Castrelo.
Por outra banda, e tamén co gallo do aniversario do seu conservatorio, Vilagarcía acolle este venres un concerto de Abraham Cupeiro. As invitacións para velo xa están esgotadas: voaron en apenas 45 minutos.