As comadres chegan hoxe a A Illa e Isabel Pantoja cantará en Cambados

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O concurso de interpretación será a partir das 22 horas en Alfredo Brañas

28 feb 2025 . Actualizado a las 09:11 h.

O Entroido xa está aquí. Os primeiros en poñerse o disfrace foron onte os veciños do Grove a conta do Xoves de Comadres e Compadres con numerosas ceas organizadas no pobo. Hoxe será a quenda das comadres da Illa, que tamén se vestirán para irse de cea, sen maridos nin noivos e con toda a noite por diante. É o preludio a un programa cheo de citas que terá a súa próxima parada no desfile de liborios deste domingo e finalizará na Arousa co certame de comparsas o Domingo de Piñata.

Cambados é outro dos concellos madrugadores á hora de recibir a Don Carnal. Farao esta noite co concurso A túa cara Sóame que premiará ao mellor intérprete. A cita será na praza de Alfredo Brañas a partir das 22 horas e nesta ocasión con seis talentos sobre o escenario. Soarán El talismán de Rosana, Back To Black de Amy Winehouse, Mamma Mia de Abba, No puedo vivir sin ti de Los Ronaldos, Yo no te pido la luna de Daniela Romo y Se me enamora el alma de Isabel Pantoja. Repartiranse 400 euros en premios en vales de Zona Centro para consumir nos bares de Alfredo Brañas e no Krazzy Kray Onte tamén estaba previsto que se puxeran a funcionar os inchables no parque de Torrado, onde permanecerán ata o mércores 5 de marzo e serán gratuítos en horario de cinco a seis da tarde. Ata ese día, o Entroido xa non parará en Cambados, cun obradoiro de caretas e sesión dj este sábado, desfile de carrozas o domingo, concurso de disfraces o luns, concurso de comparsas o martes e Enterro da Sardiña o mércores.

No resto dos concellos, en Vilagarcía, Meis, Ribadumia, Vilanova, Meaño, Catoira, Valga e Pontecesures sucederanse a partir de mañá os desfiles e concursos, con premios, disfraces e moito humor. E para ir abrindo boca, onte xa comezou a festa nos centros de ensino, desde as garderías aos institutos, á espera das ansiadas vacacións.