Cambados inicia unha cruzada contra as pombas instalando gaiolas-trampa para capturalas
CAMBADOS

O Concello apela á colaboración cidadá para facilitar a captura destas aves ante os problemas de salubridade que provoca o aumento das colonias
01 mar 2025 . Actualizado a las 15:01 h.O Concello de Cambados emprende unha cruzada contra as pombas. Ante o incremento das colonias destas aves en distintos puntos do pobo e co obxectivo de evitar problemas de salubridade, vén de poñer en marcha unha serie de accións. Inicialmente instalaranse gaiolas-trampa en cinco puntos da vila, podendo ser ampliables de considerarse preciso.
Os traballos de control da poboación de aves serán realizados por unha empresa especializada que se encargará da captura dos animais vivos para o seu posterior traslado e utilización noutras actividades seguindo os protocolos establecidos para a xestión da fauna urbana. A duración dos traballos estímase en seis meses, segundo informa o Concello.
O aumento da presenza de pombas en zonas urbanas pode xerar diversos problemas, como a deterioración de edificios, molestias para a cidadanía e riscos sanitarios derivados da acumulación de excrementos. «Por este motivo, dende o Concello tomouse a decisión de actuar de maneira responsable e planificada, garantindo en todo momento o benestar dos animais», segundo informa o goberno local.
O Concello de Cambados apela á colaboración da cidadanía e solicita que se informe de posibles puntos de acumulación de pombas para optimizar os traballos. Para iso, ponse a disposición dos veciños os canais habituais de comunicación co consistorio nos que se inclúe unha aplicación móbil.
«Dende o goberno municipal reafírmase o compromiso coa convivencia saudable no espazo urbano, apostando por medidas que compatibilicen o respecto polos animais co mantemento das condicións de hixiene e benestar para a poboación», abundan desde o executivo que dirixe Samuel Lago.