O PP de Cambados pide que se convoque a Mesa de Comercio para falar das peonalizacións
CAMBADOS

Sabela Fole mantivo unha reunión con comerciantes o xoves para coñecer as súas demandas fronte ao «escapismo» do goberno local
12 abr 2025 . Actualizado a las 14:29 h.A peonalización de rúas segue dando que falar en Cambados. O grupo municipal do PP vén de urxirlle ao goberno local a convocatoria urxente da Mesa do Comercio para abordar a cuestión logo de reunirse o xoves cun grupo de comerciantes afectados polos peches ao tráfico que afectan a Fefiñáns e rúa Infantas.
Os populares lembran que transcorreron 16 días desde que se decidíu poñer en marcha esta mesa de diálogo: «Polo momento só asistimos a un exercicio habitual de escapismo por parte do cuadripartito e, principalmente, do concelleiro delegado, José Ramón Abal, que cre que o fai todo ben e que ten á inmensa maioría da vila en contra das súas excentricidades».
Para o PP, a Mesa de Comercio debe configurarse con todos os grupos políticos, comerciantes, hostaleiros, residentes e os representantes de Zona Centro, «xa que nós xogamos o futuro da vila e as decisións que tomemos, aínda que poidan ser reversibles no futuro, ao mellor daquela xa mataron o pobo». «De nada serve ter as rúas moi bonitas, moi humanizadas e sen coches, aínda que ese non é o caso porque a limpeza brila pola súa ausencia, se nelas os comercios teñen que pechar e non pasa ninguén», engade o PP.