
A concellería de Cultura programou numerosas actividades, case todas con entrada de balde
30 abr 2025 . Actualizado a las 16:26 h.A concellería de Cultura de Cambados dou a coñecer aprogramación de maio dentro do que dou en chamar «O mes das Letras Galegas». Suspendida a Festa dos Maios do día 1, a próxima cita é este venres, ás 20 horas, cunha sesión da Mesa das Verbas na Casa da Calzada. O sábado haberá teatro no auditorio municipal (20 horas) coa compañía meañesa Teatro do Merlo e a obra A primavera da aldea; o luns celebrarase unha actividade nos institutos para fomentar o uso do galego entre os adolescentes a cargo de Avelino González; o xoves 8 de maio Adela Leiro ofrecerá unha charla na Casa da Calzada (20 horas) baixo o título A tradición oral; o sábado 10, a Coral de Ruada actuará no auditorio ás 19.30 horas e o domingo 11 a compañía Contraproducións presenta o espectáculo Apaga o Candil, ás 19 horas e con entrada a 3,50 euros a través de Ataquilla e no propio auditorio o día da función.
A segunda quincena de maio, en concreto o día 16, arrinca coa tradicional ofrenda floral no paseo da Calzada, ás 11 horas, coa participación dos centros de ensino e autoridades; pola tarde, ás 20 horas, representarase no auditorio Seis, Lorca en Galicia. O sábado terá lugar outro clásico das Letras Galegas, o concerto da Banda de Música de Castrelo no parque de Torrado ás 12 horas, para dar paso, ás sete da tarde no Salón Peña, ao Festival de música e baile Con de Xido.
O domingo 18 Avelaíña Teatro presenta A Lola, ás 19 horas na Xuventude; o día 23, Inma López Silva e Tobías Betanzos protagonizarán as Conversas Literarias, ás 20 horas na biblioteca Luis Rei; o sábado 24 actuará o grupo Chaveta en Torrado a partir das oito da tarde e o martes 27 volve a actividade á biblioteca municipal con Teatro Migallas e Brincadeiras da Lingua.
O sábado 30 péchase a programación cultural con Música e Versos, ás 19.30 horas na Praza do Con de San Tomé a cargo de Banda de música do conservatorio e escola municipal de música de Cambados.
O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Liso González, inscribe esta oferta cultural dentro da aposta pola lingua «coma un dos eixos fundamentais do goberno e a seña de identidade con maiúsculas, a cal debemos protexer e mostrar».