O PP de Cambados saca á luz os problemas que hai coa grúa e o tractor de Obras e Samuel Lago acúsaos de mentir: «Non todo vale»
CAMBADOS

O Concello vén de aboar 27.000 euros a catro policías locais por sentenza xudicial
10 may 2025 . Actualizado a las 17:20 h.Este sábado viviuse un novo enfrontamento dialéctico entre o PP e o alcalde de Cambados. Non é a primeira vez que logo de que o grupo da oposición emitise un comunicado, Samuel Lago (PSOE) tivese que saír a desmentir o que nel se dicía. O PP denunciou que a grúa municipal só funciona de 8 a 15 horas e queda fóra de servizo pola tarde por falta de persoal e que o tractor do departamento de Obras permanece parado porque o adxudicatario da praza «non sabe manexalo». A falta de persoal tamén provocou que houbera que suspender a derradeira sesión dos chamados Xoves de Rodas, organizados polos hostaleiros, ademais de agravar os retrasos que sofren os usuarios dos departamentos de Servizos Sociais e de Urbanismo, engade o PP.
A primeira hora da tarde, Samuel Lago referíase a este comunicado punto por punto: «A grúa municipal non está sen servizo, tiña asignado un traballador que se xubilou e está cuberta cunha temporalmente con unha persoa do departamento de Obras ata a cobertura da praza ou a externalización do servizo; o tractor traballa ou para en función das prioridades de traballo, o operario que obtivo a praza de tractorista está perfectamente capacitado para o seu manexo; Os xoves de Rodas non o suspendeu o Concello senón que os permisos non foron tramitados en tempo e forma polos promotores; a falta de persoal de Servizos Sociais é dende o 2 de maio que se xubilou a traballadora, que será cuberta igual que todas as demais, pero non se fai en dous días».
Outro asunto ao que fixo referencia o PP refírese a unha sentenza que obriga ao Concello a pagar 27.000 euros a catro axentes da Policía Local «mentres que outros traballadores municipais que tamén teñen que facer horas extraordinarias acaban de recorrer tamén á xustiza polo seu impago». O alcalde responde nos seguintes termos: «O Concello de Cambados non debe horas extras a ningún traballador, o importe ao que fai mención débese ao complemento específico dos axentes da policía local que deixaron de percibir durante o tempo que non traballaron porque estiveron na academia para estabilizar o seu posto como funcionarios. Os informes xurídicos e de secretaría así o avalaban, e finalmente a xustiza entendeu que tiñan dereito a percibilo. Por certo, non o recorremos e a contía xa foi abonada».
Así pois, mentres a voceira popular, Sabela Fole, fala de que no Concello de Cambados «practicamente nada funciona» o alcalde acúsaa de mentir. «Non sei se as súas declaracións son froito da súa incapacidade ou da súa mala intención, en calquera caso, en política non todo vale».