Cambados fará unha auditoría na procura de filtracións na rede de saneamento

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

O Concello recibiu unha subvención de 14.519 euros de Augas de Galicia para este fin

05 jun 2025 . Actualizado a las 10:18 h.

O Concello de Cambados vén de recibir unha subvención de 14.519 euros outorgada por Augas de Galicia que cubrirá o 80 % do custe no marco do programa de axudas para auditorías municipais das redes de saneamento convocado para o ano 2025.

O obxectivo principal desta actuación é identificar posibles infiltracións de augas pluviais ou subterráneas nas redes de saneamento, co fin de mellorar a eficiencia do sistema e reducir a cantidade de auga innecesaria que se dirixe ás estacións depuradoras.

«Esta medida permitirá optimizar a xestión da nosa rede de saneamento e suporá un importante aforro para o Concello e para a veciñanza, xa que permitirá rebaixar o custe do canon de depuración, coñecido popularmente como o ‘imposto da choiva’ e que supuxo 249.369,25 euros no ano 2024», segundo indica o alcalde, Samuel Lago.

A auditoría técnica permitirá dispor dun diagnóstico preciso sobre o estado da rede, detectando puntos críticos onde se producen filtracións que sobrecargan o sistema de depuración, sobre todo en episodios de choiva intensa. A partir dese estudo, o Concello poderá planificar actuacións correctoras máis eficaces e rendibles a medio e longo prazo.

«O Concello de Cambados reafirma así o seu compromiso coa sustentabilidade, a eficiencia na xestión dos recursos públicos e a loita contra o cambio climático, ao reducir o impacto ambiental asociado ao funcionamento das infraestruturas hidráulicas», abundan desde a alcaldía.