Ravella urxe á Xunta a que repare as estradas que cruzan a cidade

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

As avenidas Rosalía de Castro e Cambados teñen fochancas

17 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A N-640, dependente do Estado, non é a única que presenta deficiencias ao seu paso polo termo municipal de Vilagarcía. As estradas autonómicas tamén teñen carencias e o goberno local insta á Xunta a que as subsane. Con tal motivo, vén de remitirlle un informe elaborado polos técnicos municipais que sinala os desperfectos, fochancas e roturas no firme das avenidas Rosalía de Castro, Cambados, Agustín Romero e a estrada vella de Bamio, todas elas entradas principais á cidade.

A portavoz do goberno local, Tania García, falaou onte dunha situación de «especial desleixo, tendo en conta que o goberno de Alberto Varela conta cun plan de máis de 500.000 euros para actuar en vías de titularidade municipal» A maiores, lembrou, o Ministerio de Transportes actuou recentemente na posta a punto da avenida de Juan Carlos I, onde nas próximas semanas se procederá ao pintado definitivo de pasos de peóns e cebreados.

Tania García falou deste asunto onte con motivo a unha visita á avenida Rosalía de Castro onde o deterioro é grande: «Non só falamos de fochancas, senón que esta estrada é, segundo o último informe da Policía Local, onde máis accidentes se produciron o ano pasado». A situación agrávase no verán pola cercanía das praias da Concha e Compostela.

Dende Ravella sinalan a importancia de que a Xunta avance, tamén, nun proxecto de reforma integral das súas estradas con actuacións nas beirarrúas, «algunhas aínda co deseño dos anos 80».

O mal estado do firme tamén provoca problemas nos servizos que van soterrados como é o caso da propia avenida Rosalía de Castro no tramo que vai dende o cruzamento coa rúa Esperanza e ata o da rúa Lucena, onde o Concello vai ter que investir 122.000 euros para mellorar o sistema de saneamento.