Cambados instala dez colectores marróns e abre esta semana a inscrición no plan piloto de reciclaxe

Sara Dorado CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Un dos colectores marróns instalados en Cambados
Un dos colectores marróns instalados en Cambados MARTINA MISER

Están nas rúas Beleco, San Francisco, Pontevedra, Sabugueiro, Nova (2), Albariño, Santa Margarita e as avenidas da Pastora e Galicia

11 dic 2025 . Actualizado a las 19:06 h.

O Concello de Cambados pon en marcha un plan piloto de reciclaxe de orgánicos mediante a instalación dunha decena de colectores marróns no casco urbano. Están situados nas rúas Beleco, San Francisco, Pontevedra, Sabugueiro, Nova (2), Albariño, Santa Margarita e as avenidas da Pastora e Galicia. «A idea é que comecen a funcionar entre hoxe e mañá, en canto nos dea o visto bo Valoriza, a empresa responsable da colocación», explicou o alcalde, Samuel Lago.

Deste xeito, serán os veciños que queiran participar os que se teñan que achegar ao Concello para tramitar a inscrición na proba. Os usuarios recibirán unha chave coa que poder abrir os depósitos. Os cubos marróns soen funcionar deste xeito, ao entender que o interese parte do propio veciño ou veciña e que polo tanto se fai responsable de separar correctamente o lixo para que non se produzan interferencias con outro tipo de residuos.

Reducir o resto

Coa implantación deste colector búscase reducir a fracción «resto», que é na que se mesturan os desperdicios que non van nos depósitos de vidro, papel ou plástico. As persoas que utilicen o colector marrón poderán depositar restos de alimentos crus, cociñados, de froitas e verduras; de carne e peixe, incluídas as espiñas ou as cunchas do marisco; cascas de ovos; escarvadentes; pastas e arroces; froitos secos; restos de queixos; pousos de café; ou restos de plantas e herba, entre outros.

Estes restos descompóñense formando compost, un abono natural que se pode reutilizar, completando así o ciclo de reciclaxe. Actualmente, o Concello de Cambados conta con máis dunha ducia de centros de compostaxe, os últimos dous inaugurados no mes de novembro na rúa Ribeiriño e fronte ao colexio Magariños.

Pola contra, queda prohibido tirar aceite de cociña, tampóns ou compresas, papel hixiénico, area para mascotas, cabichas, cinzas ou chicles. En calquera caso, o Concello prepara uns dípticos informativos nos que se explican pormenorizadamente o uso. De feito, tamén se van a repartir unhas bolsas de lixo compostables específicas para este colector.

«A introdución do contedor marrón é un paso crucial para cumprir cos obxectivos europeos e facilitar a recollida dos residuos orgánicos, contribuíndo a preservar a nosa riqueza natural e construír un futuro mellor», din dende a administración.

O Concello estuda unha modificación da ordenanza para aplicar bonificacións a quen se sume á recollida de orgánico

Co obxectivo de incentivar á utilización do novo método de separación de residuos, o Concello abre a posibilidade de aprobar unha modificación da ordenanza municipal do lixo para poder aplicar bonificacións. Isto conlevará o reparto dunhas tarxetas unipersoais coas que poder identificar aos usuarios do novo sistema.

En calquera caso, será a medio prazo, porque o contrato de recollida de lixo está a piques de caducar. Trátase dunha fórmula comarcal, que depende da Mancomunidade do Salnés, e da que forman parte tamén os municipios de Vilanova e Meis.

A previsión é que o procedemento de renovación empece o ano que vén. A redacción dos pregos soe ser complexa, ao tratarse dunha contía elevada: o vixente custou uns 4 millóns de euros. Para o goberno local «o que ten máis sentido é sacar adiante a renovación do contrato e a modificación da ordenanza ao mesmo tempo».